A mellor colleita cinematográfica do vello continente, con creadores tan destacados como Rodrigo Sorogoyen, os Dardenne, Agnieszka Holland, Jessica Hausner, etc.
Seccións oficiais
SECCIÓN EUROPEA
Filter
PANORAMA INTERNACIONAL
Unha selección das películas que iluminaron durante este ano as pantallas dos festivais máis importantes (Cannes, Berlín, Venecia, Toronto, San Sebastián, entre outras). E moito máis!
Filter
LATIDOAMERICANO
Nesta sección achegarémonos ás novas voces iberoamericanas e a algúns dos traballos máis interesantes, pertinentes e combativos que chegan desde o outro lado do Atlántico, como os de Pablo Larraín a Alejandro Landes ou María Alché.
Filter
ANIMAEUROPA
Unha das grandes novidades do cartel recolle algúns dos títulos de animación máis celebrados nos últimos anos, como Virus tropical, de Santiago Caicedo, Ride Your Wave, de Masaaki Yuasa, ou L’extraordinaire voyage de Marona, de Anca Damian, entre moitos outros.
Filter
DOCS CINEUROPA
Os documentais acadan este ano unha alta calidade, coa suma de 20 títulos e nomes como Selfie, de Agostino Ferrente; Jawline, de Liza Mandelup; e Delphine et Carole, insoumuses, de Callisto McNulty.
Filter
Seccións paralelas
CINE E CAMBIO CLIMÁTICO: “OS ÚLTIMOS DÍAS DO EDÉN”
O cambio climático é un feito consumado, polo que o ciclo “os últimos días do Edén”, nome inspirado no título da película ecoloxista de John McTiernan, pretende explicar como a humanidade foi quen de chegar ata este punto sen retorno e que é o que deixamos atrás, case a modo de canto fúnebre.
O ciclo céntrase nunha serie de traballos que explican a complicada relación entre o ser humano e a contorna, dende o século xx ata un tempo futuro, como no caso de Naves misteriosas. A natureza hai tempo que deixou de ser territorio de aventuras e pode que a última (e fracasada) xesta sexa a que se recolle en Cara a rutas salvaxes. O progreso sempre foi o grande inimigo do medio ambiente, tema recorrente en filmes de marcado carácter ecoloxista:
Cando o río crece, A princesa Mononoke… ou incluso no filme de terror de John Frankenheimer, Profecía maldita. O tema do abandono do rural, da ruptura do vínculo do ser humano coa terra, aparece varias veces en filmes do cinema galego: Trinta lumes, Piedad, Esquece Monelos…
De todos os xeitos, sempre quedará a fascinación ante a natureza que transmiten películas como A selva esmeralda e a celebración da exuberancia do planeta que se advirte en Voyage of time, o documental de Terrence Malick (sorte de versión aumentada daquel momento en A árbore da vida no que asistimos á creación do universo), ou El planeta azul, obra mestra de Franco Piavoli, infelizmente descoñecido no noso país.
Filter
MARATÓN ‘EU CONTRA O MUNDO’
Guerrilleiros urbanos con síndrome postraumática, espías etíopes en tramas disparatadas, superheroínas apoderadas contra o sistema, representantes últimos de épocas máis nobres… O maratón deste ano é unha glosa á figura do antiheroe e á súa loita contra todo e contra todos. Longa vida a unha estirpe en vías de extinción!
Filter
CICLO CINE E FEMINISMO. “BECHDEL EN HOLLYWOOD”
Virginia Woolf reflexionou en Un cuarto propio sobre a representación da muller na ficción: “intentei recordar algún caso no curso das miñas lecturas onde dúas mulleres estiveran representadas como amigas. (…) Elas son agora, e fórono entón, nais e fillas. Case sen excepción son en canto ás súas relacións cos homes. Foi raro pensar que todas as grandes mulleres da ficción foran, ata Jane Austen, vistas non só dende a perspectiva do outro sexo, senón tamén unicamente na súa relación co outro sexo. E que pequena é esa parte na vida dunha muller”. Esta lectura inspirou a Alison Bechdel, que introduciu na súa tira cómica Dykes to Watch Out For un test para avaliar se o guión dunha película, serie, banda deseñada ou de calquera outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a brecha de xénero. Para superalo, deben aparecer, polo menos, dúas personaxes femininas con nome propio, que deben falarse unha á outra nalgún momento e a conversa debe tratar de algo que non garde relación cun home.
Este ciclo analiza o funcionamento do test no reino de Hollywood, para o que decidimos escoller algúns dos títulos máis valiosos que respectan as regras de Bechdel, pero engadindo dúas propias:
1) os valores cinematográficos por encima de todo, e 2) o cumprimento non pode ser anecdótico e a muller ten que ter un papel relevante e protagónico no filme (agás nunha notable excepción fácil de adiviñar). O resultado é que o cinema clásico case non está representado e que na meirande parte das ocasións, cando a muller é protagonista, éo principalmente para sufrir.
Como autocrítica divertida, e para deixar claro que o feminismo é moito máis que superar un test, engadimos algúns filmes fantásticos que pasan a proba, pero que, de primeiras, non se pensaría neles para engrosar un ciclo coma este. Tamén proxectaremos Riddles of the Sphinx, de Laura Mulvey e Peter Wollen, xa que, a pesar de non superar seguramente o test polas súas características especiais, é un extraordinario filme sobre a representación feminina no cinema. Bechdel está moi ben, pero non basta para unha análise a fondo. Un filme, un debate.
Filter
CICLO 100 ANOS DE PAULINE KAEL. “A CRÍTICA GUERREIRA”
O centenario do nacemento de Pauline Kael sírvenos de desculpa para achegarnos a unha das figuras máis famosas da crítica cinematográfica, amada e temida a partes iguais. Dende as páxinas do New Yorker, entre 1968 e 1991, as súas críticas directas, mordaces e sen complexos racharon o acordo tácito, existente ata entón, de conservar sempre as formas. Kael, pola contra, era tan apaixonada á hora de defender unha película (o seu eloxioso texto sobre Bonnie & Clyde recoñécese como esencial no éxito posterior do filme) coma para atacar a quen consideraba merecente, sempre dende unha subxectividade feroz pero ben argumentada, cunha especial sensibilidade para detectar as carencias e fortalezas de calquera traballo.
A sona do director non era óbice para que as súas verbas foran máis suaves: Kael facía tábula rasa. Tampouco tiña reparos en sacarlle as cores ao Hollywood clásico ou en contribuír ao recoñecemento de directores doutras cinematografías. Tanto Paul Schrader coma Quentin Tarantino considérana un referente fundamental na súa educación cinéfila. Este ciclo pretende recoller algúns dos títulos favoritos da excepcional crítica e mesturar algún produto mainstream, desprezado polo resto dos seus colegas, con outros máis afastados da órbita do espectador. Cen anos despois, Pauline Kael seguirá a descubrirnos cinema.
Filter
CICLO HAYAO MIYAZAKI: “NOS OLLOS DUNHA NENA”
As heroínas de O meu veciño Totoro, O castelo ambulante e A viaxe de Chihiro son valentes, enxeñosas, arrichadas, poderosas… e moi pequerrechas. Tres nenas de curta idade que se ven envoltas en aventuras máxicas, cada unha cunha riquísima mitoloxía e unha exuberancia sen igual na imaxe.
Os filmes de Hayao Miyazaki son un auténtico triunfo da imaxinación, da audacia á hora de narrar, de crear mundos e criaturas fantásticas e de elaborar un imaxinario propio con sabor a vellos contos, pero actualizados e mesturados con temáticas de hoxe como o progreso, a ecoloxía ou a desaparición das tradicións. Filmes que tratan as crianzas como iguais sen rebaixar un ápice a complexidade do produto final. O termo “cinema familiar” adquire co xaponés o seu significado máis luminoso e nobre.
Filter
RETROSPECTIVA JESSICA HAUSNER: CONTROL / DESCONTROL
O festival programa unha retrospectiva da carreira dunha das cineastas máis audaces, corrosivas e interesantes do panorama cinematográfico mundial, con motivo da proxección do seu último filme Little Joe na sección oficial, unha desacougante fábula de ciencia ficción. O cinema de Jessica Hausner é o dunha entomóloga, polo que ten todo o sentido do mundo que o seu último filme estea protagonizado por botánicos. A cineasta establece unha separación física e emocional entre o espectador e as personaxes, unha distancia que aproveitamos para observar con espírito científico estrañas paixóns humanas como a fe (Lourdes), o suicidio (Amour fou) ou a soidade e a alienación (Hotel).
Hausner non fica aí e gústalle rachar, valéndose dos seus propios dispositivos fílmicos, coas regras propias de universos pechados, como a alta burguesía berlinesa do s. xix, a milagreira vila de Lourdes ou os corredores dun hotel. Hai un momento en todos estes filmes en que a realizadora deixa os planos estáticos e atonais para desdicirse e presentar fendas nas situacións polas que entra a dúbida sistemática a todo o que estamos a ver. A cineasta austríaca avoga polo cuestionamento de calquera tipo de situación, de crenza, pero tamén por unha ollada comprensiva ás súas criaturas torturadas. Ao contrario de, por exemplo, Michael Haneke, no cinema de Jessica Hausner a humanidade é a que finalmente rompe o xeo e salva as imaxes.
Filter
CICLO JONAS MEKAS
Nada máis partir, comezamos a volver á casa, e aínda estamos volvendo. Aínda estou na miña viaxe rumbo ao fogar. Queriámoste, mundo, pero fixéchesnos cousas terribles
Estas amargas verbas de Jonas Mekas, recollidas no seu filme Reminiscencias dunha viaxe a Lituania, refírense á súa condición de expatriado despois de fuxir dos nazis na súa Lituania natal. Ese fogar perdido marca o seu carácter, pero todo isto non casa, en teoría, co corpus cinematográfico dun cineasta capital inmerso nun interminable work in progress que rexistraba a grandes trazos coa súa Bolex (e máis adiante, con outras cámaras dixitais) intres de felicidade, de amizade, de celebración, de familia, de amor, de natureza…, en resumo, anacos de beleza. Un cineasta tan importante polo seu traballo detrás da cámara como á fronte de institucións como o Anthology Film Archives, a Cinemateca de Nova York ou como escritor en revistas como Film Culture ou The Village Voice, referente de toda unha xeración de cineastas do underground americano.
Pero se nos centramos no título dun dos seus filmes máis extensos e fermosos, As I was moving ahead, I saw brief glimpses of beauty, a clave está na verba brief ‘breve’. Neste filme asistimos a cinco horas de momentos de felicidade, festas e amizades, narrados dende un presente indefinido polo propio Mekas.
O autor interpela o público e brinda con el e rememora as súas propias imaxes con melancolía, mentres lembra a amizades ausentes e parellas que xa non o son. Que son cinco horas de beleza en toda unha vida? De aí esa urxencia por gravar cada momento que merecera a pena, como almacén audiovisual para tempos máis escuros.
E dese almacén recuperamos a súa monumental obra Walden e tamén In Between, complemento perfecto da primeira, xa que se trata de descartes que non encontraron o seu espazo, editados anos máis tarde da súa rodaxe polo realizador, e que agora se ofrecen xuntos.
Para presentar as dúas sesións contaremos coa presenza de Francisco Algarín Navarro, director da revista cinematográfica Lumière, programador e experto na obra de Mekas, ao que entrevistou en persoa en diferentes ocasións.
Direilles a verdade: todo o que aprendín na miña vida (e podo asegurar que vin moitas películas) limítase a isto: as follas caen en outono. Alí estarei coa miña cámara cando caian.
J.M.
PREMIOS LUX
O Premio LUX é un galardón que cada ano outorga o Parlamento Europeo a aqueles filmes que mellor ilustran os valores sociais europeos e a súa diversidade cultural. Os filmes finalistas serán proxectados en 24 salas de toda Europa de maneira simultánea, nun acontecemento único que inclúe a presentación por parte dos directores do filme en streaming e a posibilidade de participar no coloquio posterior co equipo desde Bruselas, vía Twitter e Facebook. O festival acolle a proxección dun dos filmes finalistas, Cold Case Hammarskjöld, no Cinema NUMAX.
PRE-ESTREAS
Cineuropa será o escenario no que se darán a coñecer filmes que aínda non están na carteleria! Así, nesta edición do festival poderase ver Eroski Paraíso, a adaptación da obra teatral de Chévere asinada por Jorge Coira e Xesús Ron; ou Longa noite, de Eloy Enciso, que escolleu tres títulos que inspiraron a súa longametraxe e que se proxectarán na sección denominada Carta branca, no marco da programación paralela.
O festival tamén será un espazo de exhibición para traballos como La hija de un ladrón, a ópera prima de Belén Fumes logo do seu paso por San Sebastián; La ola verde (que sea ley), de Juan Diego Solanas; J’accuse, o novo traballo de Roman Polanski; ou Si me borrara el viento lo que yo canto, a peza de David Trueba sobre Chicho Sánchez Ferlosio.
Filter
CICLO ‘PAISAXES URBANAS NO CINEMA GALEGO’
O boom do novo cinema galego trouxo consigo unha chea de intentos de definilo e de encadralo. Pouco a pouco, película a película, no imaxinario do espectador elaborouse a definición do movemento como unha serie de filmes cunha forte querenza polo documental, contemplativos, rodados en espazos naturais (bosques, outeiros e frondosos camiños), con protagonismo absoluto das raíces dun mundo rural entre brétemas e dos poboadores dese mundo atemporal tan noso.
Por suposto, existen filmes que se encadran nesa definición tan xenérica, pero dende Cineuropa queremos rachar tamén con ese reducionismo e, por iso, artellamos un ciclo de cinema onde a cidade manda, os camiños son de asfalto e as vistas son a edificios e fábricas. Aquí tamén hai novo cinema galego ou cinema galego a secas. Encontramos unha chea de filmes que falan do presente e tamén do pasado, pero que mostran un país e unhas personaxes (maiormente novas) cunha identidade propia, aínda que sexa no anonimato dunha cidade. Alí tamén chove e, ás veces, ata loce o sol.
Filter
RETROSPECTIVA EMMA SUÁREZ
Un actriz consagrada cuxa traxectoria representa unha das mellores seleccións do cine estatal dos últimos anos. Premio Cineuropa33, no festival poderanse ver El perro del hortelano, La propera pell e Vacas, filme escollido para pechar esta edición de Cineuropa.
RETROSPECTIVA MARÍA VÁZQUEZ
O público poderá seguir a explosión e madurez interpretativa da actriz galega a través das películas Mataharis, Trote e a recente Quien a hierro mata. A entrega do seu Premio Cineuropa33 terá lugar durante a gala inaugural do festival.
RETROSPECTIVA RITA AZEVEDO
A realizadora portuguesa, galardoada co Premio Cineuropa33, destaca por asinar unha obra curta, pero imprescindible, cunha factura cinematográfica moi escénica con ecos doutras artes como o teatro ou a pintura. Cineuropa acollerá a estrea do seu último título, Danses macabres, squelettes, et autres fantaisies.
Filter
ESPECIAL VARDA/AKERMAN. PUNTO E SEGUIDO
Nesta edición de Cineuropa, na que a ollada feminina e os filmes de mulleres teñen protagonismo na meirande parte das seccións, pensamos que, a pesar de non ser posible unha representación xusta do infinito feixe de realizadoras poderosas ao longo da historia do cinema, habería un baleiro verdadeiramente importante se non faciamos referencia a dous puntais extraordinarios: Agnès Varda (falecida este mesmo ano) e Chantal Akerman (desaparecida hai case cinco). A historia destas dúas apaixonantes cineastas belgas está ligada indisolublemente á propia historia da sétima arte. O festival quere renderlles homenaxe a estas dúas mulleres que coa súa obra expandiron os muros do cinema a base de mestría, compromiso, militancia e unha honestidade vital e profesional que serve de espello a xeracións enteiras de cineastas e espectadores dun cinema que non morrerá xamais. Imaxes sempre en presente de indicativo.
A unión destas dúas mestras do cinema de distintas xeracións, cunha filmografía con tantos puntos en común como diferenzas, é, no fondo, unha escusa para proxectar gran cinema. Neste caso, os seus dous últimos traballos, Varda per Agnès e No home movie, constitúen dúas miradas íntimas e autobiográficas cara si mesmas que teñen tanto de compendio da súa obra coma da súa forma de ver e enfrontarse ao mundo. Imaxes perdurables, sempre novas, transidas todas por unha firmeza e decisión tales que chegan ao público dun xeito directo, único e inimitable.
A impagable sesión dobre destes dous últimos e extraordinarios traballos virá precedida dunha clase maxistral de Diana Toucedo, realizadora dunha das máis fermosas longametraxes do ano pasado, Trinta lumes, e tamén montadora e docente excepcional na Universidade Pompeu i Fabra e na ESCAC, onde actualmente está ao cargo do departamento de Documental/Non-ficción. Diana analizará estes dous filmes e, por extensión, o cinema de dúas das cineastas máis importantes (do xénero que sexa) da historia do cinema.
CARTA BRANCA A ELOY ENCISO
A estrea de Longa noite, de Eloy Enciso, un filme poderoso no fondo e na forma, parécenos un acontecemento dabondo importante como para dedicarlle unha Carta Branca ao seu director.
Eloy Enciso elixiu tres filmes extraordinarios e moi diversos: Dalla nube alla resistenza, de Jean-Marie Straub e Daniéle Huillet, Tropical Malady, de Apichatpong Weerasethakul, e Geschichte der nacht, de Clemens Klopfenstein. Todos eles atoparán o seu reflexo no filme do realizador galego e dialogarán con el, o que enriquecerá de xeito notable a súa proxección.
Filter
SESIÓNS ESPECIAIS: PELÍCULAS SORPRESA
A programación de Cineuropa33 inclúe tres películas sorpresa: unha dos anos 70, outra dos 80 e unha terceira que será actual e de estrea.