Actualizaremos esta páxina coas preguntas que nos chegan habitualmente relativas ao funcionamento do festival de cinema Cineuropa de Compostela. Recomendámosche que te subscribas á nosa canle de Telegram para estar informado ao momento de todas as novidades e que nos sigas nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram.
Información de prezos e horarios de despacho de billetes
Onde podo mercar as entradas para os filmes do Teatro Principal e do Salón Teatro?
En compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal.
Cal é o horario do despacho de billetes do Teatro Principal?
De 15.30 a 22.00 horas e ata 5 minutos antes de que comece o último filme (tanto do Salón Teatro como do Teatro Principal).
Onde podo mercar as entradas para Multicines Compostela?
En compostelacultura.gal, no despacho de billetes do Teatro Principal e no dos Multicines Compostela.
Cal é o horario do despacho de billetes dos Multicines Compostela?
De 17.00 a 22.00 horas e até 5 minutos antes do comezo de cada un dos filmes.
Onde podo mercar as entradas para Cinema NUMAX?
En compostelacultura.gal, no despacho de billetes do Teatro Principal e no de NUMAX.
Cal é o horario do despacho de billetes do Cinema NUMAX?
Os luns de 17.15 a 22 horas; de martes a venres de 10.30 a 14.00 horas e de 15.30 a 22.00 horas; e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 22.00 horas. E até 5 minutos antes do comezo de cada un dos filmes.
Onde podo mercar as entradas para o Museo das Peregrinacións, a Sala Agustín Magán e o Auditorio de Galicia?
Os filmes que se proxectan nesas salas non son de pago.
Cal é o prezo da entrada para as proxeccións?
Catro euros. Tamén podes mercar un abono válido para 10 entradas a 30 euros.
A entrada para o maratón é de 6 euros.
Que filmes son de pago e cales de balde?
Os filmes das seccións oficiais (Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, Latidoamericano *, Docs Cineuropa e Animaeuropa) son todos de pago.
* agás a proxección de ‘Ema’ o día da inauguración.
Os filmes das seccións paralelas son con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
* agás:
– Sección Preestreas: 4 euros (coa excepción de ‘Eroski Paraíso’ que será de balde previa retirada de convite). A entrada para o filme ‘Si me borrara el viento lo que yo canto’ só se poderá mercar en Numax e non será canxeable co bono Cineuropa.
– Película sorpresa do día 19: 4 euros.
– Filmes que se proxectan os días de entrega de premios: de balde previa retirada de convites
– Maratón: 6 euros.
Os eventos que son de balde, pero é necesario retirar convite son:
- Entrega do premio a María Vázquez e proxección inaugural o xoves 7.
- Entrega do premio a Rita Azevedo o sábado 16.
- Tributo a Hayao Miyazaki por Los Pilotos.
- Estrea de ‘Eroski Paraíso’ o domingo 24.
- Gala de clausura o martes 26.
- Entrega do premio a Emma Suárez o xoves 28.
Para todos estes eventos a retirada de convites farase no despacho de billetes do Teatro Principal desde dous días antes de cada evento e no da sala correspondente desde unha hora e media antes do inicio do mesmo.
Podo reservar entradas por teléfono?
Non é posible reservar entradas por teléfono.
Se merco unha entrada online, teño que levala impresa ou abonda con que a leve na pantalla do móbil?
Abonda con que nola ensines na pantalla do teu dispositivo electrónico. Iso si, non esquezas vir con batería!
Podo devolver a miña entrada unha vez mercada se non podo asistir ao filme?
Unha vez mercada a entrada non pode procederse á súa devolución a non ser que ese pase se vise modificado por algún problema de organización. Nese caso si, procederiamos á súa devolución.
Quero ir ver unha película que comeza ás 23.30 horas pero o despacho de billetes pecha ás 22.00 horas. Teño que mercala obrigatoriamente por Internet?
Non. Sempre e cando queden entradas dispoñibles, para a venda inmediata haberá un despacho de billetes aberto até 5 minutos antes do inicio de cada proxección.
Podo mercar unha entrada para Multicines Compostela e Cinema NUMAX no despacho de billetes do Teatro Principal? E por internet?
Si. No despacho de billetes do Teatro Principal e na web compostelacultura.gal poden mercarse entradas para todas as salas.
Entradas con invitación
Onde se poden retirar as invitacións para os filmes que a precisen?
No despacho de billetes xeral do Teatro Principal desde dous días antes do evento.
Hai un límite de invitacións por persoa?
Cada persoa pode retirar un máximo de dúas invitacións por filme.
Entradas para outras actividades
Cal é o prezo da entrada para o concerto da Real Filharmonía de Galicia?
É de 15 euros (7,5 euros para persoas menores de 25 anos, maiores de 65, desempregadas, xubiladas, estudantes, familias monoparentais, numerosas e perceptoras de rendas sociais).
Cal é o prezo de entrada para o concerto de María de Medeiros?
É de 14 euros e igualmente aplícanselle os descontos do 50%.
Cal é o prezo de entrada para o concerto da Banda Municipal de Música?
A entrada é de balde e libre ata completar a capacidade da sala.
Cal é o prezo da entrada para o Tributo a Hayao Miyazaki por Los Pilotos?
A entrada é de balde previa retirada de convite.
Onde se poden mercar as entradas ou retirar convites?
En compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal que abre de 15.30 a 22.00 horas durante o festival. Tamén no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde unha hora e media antes de que comece o concerto. (Os convites só se poderán retirar de xeito presencial, non pola web).
Abonos
Canto custa o abono?
O abono ten un prezo de 30 euros e podes canxealo por 10 entradas.
É persoal? Ten límite de compra?
Non hai límite de compra e non é persoal. É dicir, podes mercar as 10 entradas para un mesmo filme e nunha mesma compra. E pode, polo tanto, ser usado por máis dunha persoa.
Onde o merco?
No despacho de billetes do Teatro Principal ou en compostelacultura.gal.
Como merco o meu abono por internet?
Para mercalo por internet primeiro tes que estar rexistrada na web compostelacultura.gal, algo que podes facer aquí (https://www.compostelacultura.gal/user/register). Unha vez rexistrada, entras co teu email e contrasinal e podes mercar o abono no enlace que aparece neste evento arriba á dereita e que pon MERCAR.
Cando o merques chegarache un correo electrónico co abono en pdf por se queres usalo nalgunha compra física na billeteira.
Se o queres usar para mercar as túas entradas por internet, abonda con que navegues pola web con normalidade e cando selecciones a película para a que queres mercar entrada elixas como forma de pago o abono. Xa che irá descontando as películas ata gastalo.
Cada vez que canxees o abono, chegarache ao mail a entrada ou entradas correspondentes. Ademais, no teu perfil terás todos os teus movementos e abonos activos para coñecer que saldo che queda.
Teño que ensinar o abono na entrada da sala?
Non, non fai falta. O que tes que ensinar é a entrada do filme correspondente (impresa ou ensinándoa no teu dispositivo electrónico).
Podo usar o abono mercado por internet nas billeteiras?
Si, sen problema. Abonda con que leves impreso o abono que che faremos chegar ao teu mail ou simplemente con que nolo ensines no teu dispositivo electrónico.
Podo canxear o abono mercado na billeteira por internet?
Non. Iso non é posible porque ese abono é anónimo e polo tanto non está unido a ningún usuario da web. O abono mercado fisicamente no despacho de billetes só se poderá canxear no despacho de billetes.
En que billeteiras o podo canxear?
Nas do Teatro Principal para os filmes de todas as salas do festival. En NUMAX para os filmes de NUMAX e nos Multicines Compostela para os filmes dos Multicines Compostela.
Proxeccións
Podo entrar á sala unha vez comezada a proxección?
A entrada á sala ten que facerse de xeito puntual para non molestar ao resto de espectadores que están xa gozando do filme. En todo caso, e de ser posible, se chegas un pouco tarde intentaremos buscarche un sitio ao que poidamos acceder molestando o menos posible, e non sempre poderá ser a butaca que ti tiñas mercada.
No concerto da RFG de Cineuropa, proxéctase os filmes ou só é a banda sonora?
Proxéctase o filme.
A película proxéctase no idioma orixinal?
Todos os filmes en Cineuropa se proxectan en idioma orixinal e, cando non son en español ou en galego, tamén con subtítulos.
Todos os filmes están subtitulados?
Todos agás os que teñen como lingua orixinal o español ou o galego. Excepcionalmente pode haber algún que non o estea pero indicarémolo sempre. Nesta edición, serán as sesións da homenaxe a Jonas Mekas, que se proxectarán en 16 mm.
Hai restrición de idade para a entrada aos filmes?
Hai filmes recomendados para maiores de idade. No caso de que a/o menor acuda na compaña dunha persoa adulta, será esta a responsable da/o menor na sala, e quen ten que considerar se pode ver ese filme ou non.
Maratón
Podo usar o abono para a entrada do maratón?
Non. O abono só se pode usar para as proxeccións individuais de filmes.
As películas do maratón proxéctanse pola orde na que están citadas?
Si, efectivamente.
Ao mercar entradas do maratón, podo entrar a ver só algunhas películas ou unha vez comezado xa non se pode entrar?
Pódese entrar e saír entre película e película sen problema, así que podes elixir que películas ver e en cales descansar.
Podemos saber, por tanto, a duración de cada película para calcular? Canto tempo hai de descanso entre filmes?
A duración dos filmes podes atopala nas súas respectivas fichas. Entre película e película hai uns 5 minutos de descanso e sobre as 7 da mañá faise un descanso máis longo, duns 20 minutos.
Pode mercarse entrada de maratón unha vez xa comezado se o filme que quero ver é un dos que se proxectan polo medio?
O despacho de billetes non está aberto durante o maratón así que non e, de todas formas, ata agora sempre se esgotaron as entradas para o maratón antes do día do mesmo así que a nosa recomendación é que as merques canto antes.
Pódese levar comida e bebida á sala durante o maratón?
Excepcionalmente, no maratón, polas súas características, permítese levar comida (sen cubertos) e bebida (só en envases de plástico e nunca bebidas alcohólicas).