Ano
2019
2019: sección oficial de longametraxes a concurso no Festival Internacional de Cinema de Mar do Prata
Vitalina Varela é unha muller de 55 anos orixinaria de Cabo Verde, que chega a Lisboa tres días despois de celebrar o funeral do seu marido. Leva agardando por este momento máis de 25 anos.
O novo filme (a nova cima) de Pedro Costa segue a desenvolverse en territorio coñecido, e como un fío sen fin, un personaxe secundario de Cavalo dinheiro convértese en protagonista en Vitalina Varela (da mesma forma que Ventura, protagonista alí, xa aparecía brevemente en No quarto da Vanda). De aí esa sensación irrompible de comunidade que tamén se percibe no plano fílmico. Costa estrutura as súas rodaxes de forma horizontal, onde todos están a facer un traballo en igualdade de condicións. Vitalina Varela existe, pero xa esgotado o debate entre documental e ficción no cinema de Costa, hai que falar máis de esencialidade da imaxe, de extracción de ouro do cotián, de como alumear unha vida enteira cun foco e de como o respecto do cineasta por un personaxe mostra a Vitalina como o que é: raíña da dignidade e da resistencia, dun reino case a escuras. O cinema de Costa vive un proceso de virado ao negro que parece non ter fin.