Ano
2018
2018
Chile
73 min.
Animación, ficción
Castelán, alemán
María é unha moza que procura refuxio logo de fuxir dunha seita de fanáticos relixiosos alemáns en Chile e acaba sendo acollida por dous porcos nunha misteriosa casa. Os animais transfórmanse amodiño en humanos e a casa nun mundo de pesadelo. Como nun soño, o universo da casa reacciona aos sentimentos de María. Inspirada no caso de Colonia Dignidade, centro de tortura da época de Pinochet, A Casa Lobo aparenta ser un conto de fadas animado producido polo líder da seita para adoutrinar os seus seguidores e seguidoras.
As infinitas posibilidades da animación quedan demostradas con este filme aterrador e único. Tomando como fondo terrible o caso verídico da seita chilena Colonia Dignidad, os talentosos Joaquin Cociña e Cristóbal León arman un artefacto de animación en stop-motion con evidentes filiacións co traballo do Mestre Jan Svankmajer, pero con personalidade propia. Esta casa-lobo, que transmuta a cada momento tornándose máis e máis abominable, é unha especie de remix de todos os elementos máis sinistros dos contos dos irmáns Grimm para dar lugar a unha fábula profundamente perturbadora sobre a infinitude do mal sen ningún tipo de ensinanza moral. Só o baleiro do medo. Non hai nada parecido en toda a programación de Cineuropa.