Ano
2019
2019
Francia
124 min.
Drama, histórico
Francés
No século xv, Inglaterra e Francia entran en conflito para ocupar o trono francés. Convencida de que Deus a elixiu como a súa mensaxeira, a moza Xoana dirixe o exército de Francia ata que é capturada pola Igrexa. Aínda que o clero ameaza con xulgala por herexe, Xoana de Arco mantense sempre fiel ás súas conviccións e decide negar calquera acusación, segura de que o Señor se comunica con ela dende o ceo.
Segunda parte do díptico que o imprevisible Bruno Dumont dedica a Xoana de Arco, que se suma ao gran ciclo de filmes que posúe a personaxe, retratada por mestres como Dreyer, Jacques Rivette ou Robert Bresson. Despois do estrafalario (e divertido) musical que Dumont dirixiu para contar a súa infancia, aquí entramos xa nos feitos históricos por todos coñecidos. Xoana segue a ser interpretada por unha nena de dez anos, o que converte todo o proceso en algo aínda máis perturbador. Os escasos escenarios do filme e a súa maxestosidade (como o interior da catedral de Amiens) reforzan a sensación de estrañamento no espectador. A utilización literal do texto orixinal da obra de Charles Péguy e a súa conversión en cancións nalgúns momentos converte este filme en algo orgullosamente anacrónico, libre e inimitable.