Ano
2018
Tras 26 anos nos cuadriláteros, Cassandro, a rompedora estrela transformista da loita libre mexicana, non pensa en retirarse. Membro dos Exóticos, cunha ducia de ósos rotos e cravos por todo o seu corpo, agora ten que reinventarse.
Marie Losier ten unha man extraordinaria para levantar documentais en torno a figuras extremas. Despois da xa lendaria por dereito propio The ballad of Genesis and Lady Jaye, a cineasta pousa a súa mirada chea de amor en Cassandro, imposible estrela homosexual da loita libre e membro do grupo “Os Exóticos”. E digo imposible porque hai pouca probabilidade de que alguén como Cassandro apareza nun país tan “macho” como México e, sobre todo, que triunfe loitando en rings que tremen de testosterona dentro e fóra do cuadrilátero. Pero así é, aínda que o seu corpo mazado estea a piques de quebrar. Losier fai un fresco da súa vida en imaxes cálidas, rodadas en 16 mm, que fan que pareza que estamos ante un vídeo caseiro do membro máis excéntrico e entrañable da familia.