Ano
2019
Anxo regresa á súa vila natal no rural galego despois da guerra, onde se atopa co rancor tanto de gañadores coma de vencidos, que ven o perigo de que afonde en memorias que crían esquecidas.
Novo e refulxente paso de Eloy Enciso na súa carreira, Longa noite dialoga perfectamente con Arraianos nesa mestura de declamacións estáticas de textos teatrais e literarios, encadres preciosistas que ao mesmo transpiran verdade e pureza, e fonda lectura política cun ollo posto no cinema dos Straub-Huillet e outro nas iluminacións máis operísticas e dramáticas de Werner Schroeter. Aída así, estes dous títulos xa perfilan un director cunha personalidade propia e que crece filme a filme. Longa noite dá no cravo en moitas cousas, como usar textos antigos de, entre outros, Max Aub, Fogwill ou Luis Seoane. É unha tristeza que acerte porque mostra de xeito claro (tal e como facía Pedro Costa proxectando ao inicio de Cavalo Dinheiro fotografías de Jacob Riis de explotación laboral a comezos do século XX) o pouco que cambia o mundo e como a infamia se mantén impoluta e os represaliados e asoballados sós e sen apoios.
Mención á parte merece o capítulo da fotografía fantasmagórica que compón o gran Mauro Herce, unha luz escura e fermosísima que ilumina contornas naturais nocturnas convertendo o mundo nun espazo espectral, un lago no mesmo Estixia, e os protagonistas en alucinadas almas en pena que mastigan as infamias dos de sempre, dos que controlan o poder. Longa noite desborda gran cinema polas súas costuras.