Ano
2019
2019
Francia
132 min.
Drama
Francés, alemán, italiano
No ano 1774, xusto antes da Revolución Francesa, nalgún lugar entre Postdam e Berlín, un grupo de libertinos foxe do novo goberno ultraconservador de Luís XVI. Entón coñecen o lendario librepensador Duc de Walchen, un alemán con gran poder de sedución. Nun país gobernado por un réxime hipócrita que predica a virtude, a misión deste grupo de expatriados liderado pola astuta duquesa de Valselay é implantar en Alemaña a libertinaxe, unha filosofía baseada no rexeitamento dos límites morais e a autoridade. Na súa procura de novos adeptos, descobren un parque abandonado que é o lugar de reunión dun grupo de libertinos locais, decadentes e cortesáns de Federico “O Grande”. Pero os alemáns, coa súa particular idiosincrasia, aínda non están de todo convencidos dunha tendencia tan radical, polo que a sempre ambiciosa duquesa de Valselay desenvolverá algunhas estratexias sofisticadas para mellorar o márketing da libertinaxe.
O último filme de Albert Serra comezou como instalación no Museo Reina Sofía, pero é na escuridade do cinema onde a continuación da proposta acada o seu poder. Serra segue na alta burguesía francesa e pasa de narrar os últimos días de Luis XIV no seu filme anterior a falar elipticamente da decadencia do reinado de Luis XVI e de como os libertinos deben fuxir e exiliarse aos bosques, como ronin do sexo sen amo nin lei. Aquí, Serra da o dó de peito na construción do espacio escénico e a utilización da luz nesta noite case continua. A sala de cinema convértese nun inmenso peepshow compartido, e o cineasta catalán volve triunfar no cada vez máis difícil arte de provocar unha reacción.