Que é o festival?

O feminismo é probablemente a revolución máis potente á que asistiremos nos vindeiros anos. A súa pegada en todos os ámbitos sociais e a asimilación dos seus postulados é, de feito, un reto que vemos cada día superado na nosa contorna. O camiño por percorrer, con todo, é aínda longo, pero contamos cunhas compañeiras de viaxe que, por fortuna, van con notable adianto. As películas que iluminaron durante este ano as pantallas dos festivais máis importantes (Cannes, Berlín, Venecia, Toronto, San Sebastián, entre outras) reflicten unha ollada ausente durante décadas nas mostras de cine: a das mulleres. Se esta nova perspectiva chegou aos cinemas este ano, quere dicir que levaba xa moito tempo agardando nas mentes das súas creadoras e cristalizando nas rodaxes de todo o mundo. Unha vez máis, o cine sitúa a sociedade no seu contexto e alértanos sobre o que vai acontecer, sobre a que é preciso prestarlle atención.

Cuestión de perspectiva

Dende un principio, a muller foi o fío condutor que desexabamos para este Cineuropa, e que felicidade nos produciu comprobar que o desexo se tornaba realidade ao visionar os filmes das colleitas dos festivais! Boa parte dos traballos máis interesantes, pertinentes e combativos eran obra de mulleres: Agnieszka Holland, Jessica Hausner, Justine Triet, Sharipa Urazbayeva, Valerie Donzell, Jennifer Reeder, Jaione Camborda, Iratxe Fresneda; as novas voces iberoamericanas de Melina León, Maria Alché e Sofía Quirós; o cine de animación de Anja Kofmel e Anca Damian ou o novo traballo da documentalista Marie Losier. Maior agrado foi o de verificar que tamén gozaban dunha diversidade asombrosa, propia dunha creación madura. Dramas, comedias, documentais e animacións dirixidos por mulleres, procedentes de países tan diversos como Kazajistán, Canadá, Costa Rica, Xapón ou Sudáfrica, conforman case a metade da sección oficial, sen necesidade de reservarlles un espazo; sen botar man do sistema de cotas. E non só iso, senón que varias películas poderosas dirixidas por homes tamén situaron en primeira liña mulleres combativas, con narrativas que apoderan e historias que poñen en entredito o sistema imperante. Filmes como Ema, de Pablo Larraín (que abrirá o festival), Vitalina Varela, do gran Pedro Costa, ou Zombi Child, dun habitual do festival, Bertrand Bonello, ofrecen diversos retratos de mulleres donas do seu destino e que rachan, cada unha ao seu xeito, cos roles de representación habituais.

Con esta certeza, non puidemos máis que deixar que a ola do feminismo inundara tamén as seccións paralelas. Dedicámoslle un ciclo a Pauline Kael, a “crítica guerreira” do New Yorker, autora das críticas de miles de películas que influíron en toda unha xeración de espectadores e cineastas, o cal abrimos coa estrea en España de What she said: the art of Pauline Kael. Outro ciclo utilizará o famoso “test de Bechdel” para proxectar diversos traballos, que o superan con nota, onde veremos que o feminismo é algo máis complexo que pasar un simple test. Imposible esquecerse nunha edición así de dúas precursoras que abriron as portas a todas as que viñeron despois, isto é, Agnès Varda (á que lembramos no ano do seu finamento) e Chantal Akerman, coas películas que se converterían nos seus cantos de cisne: Varda por Agnès e No Home Movie, respectivamente. Non renunciamos a repasar a creación contemporánea cunha retrospectiva en homenaxe a Jessica Hausner (presente tamén na sección oficial co seu novo filme Little Joe). Pola súa banda, os premios Cineuropa, co que significan de recoñecemento, pero tamén de visibilidade, súmanse a esta liña editorial coa elección como premiadas de tres mulleres: Rita Azevedo Gomes, Emma Suárez e María Vázquez, representantes as tres do cinema de autor dende os oficios de dirección e de interpretación.

O cinema tamén foi por diante noutro dos grandes temas do século xxi: a emerxencia ecolóxica. O ciclo “Os últimos días do Edén” supón unha reflexión sobre os efectos da humanidade no planeta e a difícil relación establecida entre os avances tecnolóxicos e o respecto polo medio ambiente. Nesta ocasión tamén é o cinema o que impulsa a reflexión sobre un tema no que a xente nova xa se situou sen ambaxes –para defraudar as expectativas dos que tachan as novas xeracións de displicentes e faltos de compromiso– ao nomear a cuestión medioambiental como a maior crise da existencia da humanidade na Terra.

O cinema galego, que cada ano reforza a súa presenza nos festivais de todo o mundo, terá tamén o seu espazo no ciclo “Paisaxes urbanas no cinema galego”, un achegamento aos retratos do cine recente do noso país sobre as cidades que se afasta do clixé que o sitúa só no rural. Acollemos tamén as preestreas de dúas das películas galegas máis esperadas, representantes da diversidade da que goza xa o cine galego: Longa noite, de Eloy Enciso, e Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron.

Cineuropa será tamén testemuña dos primeiros pases en Galicia dos novos filmes de Roman Polanski, Werner Herzog, Pablo Larraín e os Dardenne, que se suman as xa nomeadas Holland, Hausner, Marie Losier, etc. De feito, e segundo o noso criterio, é tan alta a calidade das películas que só un premio para todos as integrantes das seccións oficiais ía ser moi escaso, de aí que este ano vós, os espectadores e espectadoras, destacaredes un filme de cada unha das cinco seccións oficiais. Aínda así, veredes como non vai ser doado. Este ano decidimos tamén recuperar varios títulos un chisco máis antigos, que, por unha razón ou outra, non se estrearon en España ou en Galicia. Como acto de xustiza co público, películas como Voyage of time, de Terrence Malick, Dragged across concrete, de S. Craig Zahler, e a polémica Mektoub: Canto I, de Abdellatif Kechiche, entre outras, pasan tamén a formar parte da nosa sección oficial.

Non faltarán as expertas para ilustrarnos, por exemplo, sobre o cine do recentemente finado Jonas Mekas, ao que homenaxeamos coa proxección de dous dos seus traballos en 16 mm, ou sobre Varda e Akerman, coa clase maxistral de Diana Toucedo. Virán directoras a presentar os seus traballos e a conversar co público logo das proxeccións. Presentaremos libros onde o cine é o protagonista. Mergullarémonos, en definitiva, nun festival no que todas as seccións están conectadas dun ou doutro xeito, ás veces con fíos case invisibles e outras con conexións entre filmes de distintas épocas ou alusións máis directas a descubrir polo público. En fin, case un mes de inmersión no cinema coa esperanza de que, cando regresemos á superficie, o fagamos dende unha nova perspectiva.

Equipo

ALCALDE DE SANTIAGO
Xosé A. Sánchez Bugallo
CONCELLEIRA DE ACCIÓN CULTURAL
Mercedes Rosón Ferreiro
DIRECTORA
Laura Seoane
PRODUCIÓN
La Tropa Produce
XEFA DE PRODUCIÓN
Ana Dixital
AXUDANTE DE PRODUCIÓN
Manuel Fuentes Seijas
COORDINADOR DE PROGRAMACIÓN
Javier Trigales
EQUIPO DE PROGRAMACIÓN
Janina Pérez Arias
César David Carrón
David Martos
Fernando de Luis-Orueta
Javier Trigales
Laura Seoane
COMUNICACIÓN
Míriam Louzao
DESEÑO GRÁFICO, WEB, PRENSA E REDES SOCIAIS
The Office Comunicación
MATERIAIS
Paloma García del Valle
CONVIDADOS
Eider Esnaola
Susana Jarandilla
Paloma García del Valle
COORDINADOR TRÁFICO DE PELÍCULAS
Óscar Brao
SUBTÍTULOS
Marian Sande Rivadulla
Adrián Ramos Rodríguez
Natalia López Prieto
Fátima Ropero
PRESENTADORA DE GALAS
Iria Sobrado
RESPONSABLE DE SALA SALÓN TEATRO
Fran Veiga
RESPONSABLE DE SALA MULTICINES COMPOSTELA
María Arias
RESPONSABLE DE SALA CINEMA NUMAX
Ramiro Ledo
RESPONSABLE DE SALA MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS
Esperanza Gigirey
PROXECCIONISTAS
Miraxe Soc. Coop. Galega
Numax
Multicines Compostela
ATENCIÓN AO PÚBLICO
Atlantic Ponte
DIRECTOR-XERENTE AUDITORIO DE GALICIA
Xaquín López
GABINETE TÉCNICO AUDITORIO DE GALICIA
David Areán
Chus Busto
Míriam Louzao
Carlos Millán
Silvia Modia
Ángeles Otero
Ana Parga
Ángela Pereira
GABINETE TÉCNICO TEATRO PRINCIPAL
Xesús Amado
Ana Rello
AGRADECEMENTOS
Andrea Franco
Ángel Santos
María Núñez
Mundo Prestigio

O autor do deseño e fabricación das pezas dos Premios Cineuropa é o escultor Francés.