Ano
2018
Celeste é unha muller retirada e viúva que vive nun apracible lugar da Habana. Un día, o Goberno do país anuncia que unha raza alieníxena leva varios anos vivindo na Terra. Malia que sente simpatía por ela, Celeste sempre pensou que a súa veciña Pauline era unha muller algo estraña, e grazas a esta nova agora está convencida de que a “rusa” provén dunha galaxia afastada. Ao recibir un convite para ir visitala ao seu planeta, Celeste confirma as súas sospeitas e, para sorpresa de todos, decide aceptar a proposta, deixando atrás a súa aburrida vida.
O cinema de ciencia-ficción sempre foi un xénero idóneo para falar do aquí e do agora a través de metáforas transparentes. E a que propón o cubano Arturo Infante en El viaje extraordinario de Celeste García non pode ser máis directa: os alien levan tempo entre nós e queren invitar a un grupo selecto de persoas ao seu planeta. En Cuba, moitos son os que fan fila para abandonar o país (aínda que sexa con destino ao descoñecido), nunha crítica nada velada ao réxime castrista. O filme é tamén unha historia de emancipación feminina, todo contado dun xeito leve onde non cabe a gargallada, máis ben o sorriso, e tampouco as bágoas, senón unha sinxela melancolía.