Ano
2019
2019
España
102 min.
Drama
Castelán, catalán
Sara estivo soa toda a súa vida. Con 22 anos e un bebé, o seu desexo é traballar e formar unha familia co seu irmán pequeno e mais co pai do seu fillo. Seu pai, Manuel, logo de anos de ausencia, decide reaparecer nas súas vidas ao saír do cárcere. Sara sabe que el é o principal atranco aos seus plans e toma unha decisión difícil: afastalo dela e do seu irmán.
Rosetta, o filme que puxo os irmáns Dardenne no cumio tras acadar a Palma de Ouro en Cannes, comezaba coa caluga da protagonista. A ópera prima de Belén Funes presenta a personaxe que incorpora Greta Fernández de fronte, pero os movementos son os mesmos: nerviosos, decididos e precarios, todo ao mesmo tempo. É un filme este de camiñares, chamadas, traballos (lixo) mutantes, xestos infinitos, que non se acaban. Expresión da vertixe constante dos personaxes, con vínculos co mundo e con eles mesmos tan febles que temen caer se fican cruzados de brazos, aínda que sexan dous segundos. Imaxes dun mundo (o noso) de clases baixas e onde as cousas significan o contrario: movemento é igual a paro, a vida estancada, sen saídas.