Ano
2019
Muriel tolea de alegría por volver ver a Álex, o seu neto, que veu á súa casa para pasar uns días antes de ir vivir ao Canadá. Intrigada polo seu comportamento, logo descubrirá que o seu neto lle mentiu, xa que se está a preparar para unha vida completamente distinta. Muriel, moi conmocionada, debe actuar con gran rapidez.
Catherine Deneuve como xénero cinematográfico en si mesma. No fondo, tanto ten que o filme do veterano André Techiné xire en torno ao ISIS e constrúa unha trama máis ou menos convencional sobre a captación de mozos convertidos ao Islam na súa faciana más radical por medio de Internet. Este é un filme da Deneuve, e o reclamo principal de L’adieu à la nuit é a presenza da gran dama no cinema francés. Techiné sabe isto e a súa cámara anda máis preocupada de recoller cada xesto e cada liña de diálogo que ten a actriz que da trama en si ou das localizacións rurais do filme. Dicía Godard que todo filme é tamén un documental sobre o traballo dos seus actores, e neste sentido, a recompensa desta película é dobre.