Ano
2018
Unha historia melancólica, pero alegre, sobre a clientela dun café cuxos donos son afeccionados á música clásica. Unha das clientas habituais é unha muller que sempre senta nun recanto a escribir no ordenador. Atopa a inspiración nos diálogos que se xeran ao seu arredor e, dalgún xeito, adáptaos e transfórmaos ao seu gusto introducíndose ela mesma na historia. Será ela a autora real de todo canto acontece ao seu arredor?
Nesta nova entrega da peza inacabada As variacións Sang-soo, o cineasta multiplica as voces protagonistas nun relato coral onde cada conversa a dous se reflicte noutras conversas similares. Todas as pequenas parellas sentadas nas mesas dun café semellan xurdir da imaxinación de Kim MinHee, a musa de Sang-soo, pero ao pouco tempo, ela mesma pasa a ser un personaxe máis que interactúa co resto. Por outra banda, a omnipresente música clásica que soa no estabelecemento ás veces harmoniza con ominosos diálogos en torno ao suicidio pero noutras ocasións é completamente asonante á situación, polo que Sang-soo esixe un esforzo extra de concentración ao espectador no esencial: un home abatido en escorzo mentres unha muller chora, outra que sobe e baixa escadas de maneira compulsiva… Xoia (e van…).