Ano
2019
2019
Uruguai, Arxentina, España
83 min.
Drama
Castelán
2019: premio Cine en Construción no Festival de San Sebastián
2019: premio á mellor dirección no Festival de Sundance
2019: Premio Especial do Xurado no BAFICI
A tranquilidade dun pequeno balneario vese alterada pola sospeita dunha insólita invasión de quenllas, algo preocupante para a veciñanza. Rosina ten 14 anos, é a irmá do medio, non ten amizades e os seus intercambios co mundo non pasan de monosílabos ou frases soltas. Ela cre ter visto algo no mar, pero ninguén parece prestarlle demasiada atención, incluída a súa familia, máis preocupada pola axustada economía doméstica, o traballo e a temporada de verán que se aveciña. Cando seu pai a leva a traballar no mantemento das casas de veraneo da zona coñece a Joselo, un pescador algo maior ca ela. Entre piscinas sucias, xardíns suntuosos e praias desertas, empeza a experimentar algo novo: o desexo de acurtar a distancia entre o seu corpo e o de Joselo, aínda que é un interese pouco correspondido. Para chamar a súa atención elabora un plan retorcido e algo torpe, movéndose invisible e perigosa, como inspirada pola presenza dos misteriosos depredadores.
Ou como acadar con elementos mínimos todos os obxectivos posibles. A uruguaia Lucía Garibaldi consegue con Los tiburones (que de forma divertida, rouba o motivo central do filme de Spielberg para despoxalo de calquera asomo de tensión ou intriga) mostrar unha aprendizaxe sentimental, a soidade dos adolescentes fronte ao resto de seres humanos que os rodean, a indiferenza do verán e da praia fronte aos pequenos dramas dos seus moradores e, finalmente, o empoderamento da protagonista. Non son poucos logros para tan pequeno filme.