Este 2019, Cineuropa33 recoñece as traxectorias da directora Rita Azevedo edas actrices María Vázquez e Emma Suárez.
Premios Cineuropa
A carreira de Rita Azevedo no mundo do cinema non comezou coa súa obra como cineasta, senón moito antes. Despois de ter unha “revelación” tras un visionado da maxistral Amor de perdiçâo, de Manoel de Oliveira, achegouse a presentar os seus respectos ao mestre portugués e acabou conseguindo un posto de axudante de vestiario (detalle moi importante, porque aínda a día de hoxe ela mesma deseña e confecciona boa parte dos vestidos e traxes dos seus filmes, como lles confesou aos abraiados asistentes a un dos pases na sala Númax da belísima A vingança de uma mulher). O contacto con Oliveira culminaría co fermoso documental A 15ava pedra, no que Azevedo recolle un diálogo co cineasta portugués e o crítico João Bernard da Costa. Despois dedicou moitos anos a traballar como programadora da cinemateca portuguesa, onde lle transmitiu a súa paixón polo cinema ao agradecido público dunha das mellores cinematecas do mundo.
O carácter epistolar do seu cinema xa aparece na súa segunda película Frágil como o mundo, onde cartas de amor pasan de man en man e offs literarios encadran a acción dun xeito definitivo. Pola súa parte, en Correspondências, filme presentado no Festival de Cinema de Locarno en 2016, constrúe un filme mutante que pasa dun formato a outro en torno á relación epistolar mantida entre os poetas Jorge de Sena e Sophia de Melho Breyner. As cartas son como ecos afastados que estenden os dominios dos filmes na mente do espectador, como vastos mundos e acontecementos en off que doen por non poder velos nin cambialos.
En A vingança de uma mulher tamén hai cartas, pero aquí o dono e señor da pantalla é o espazo escénico, o cal crea un contexto histórico a camiño entre a fidelidade e a invención lúdica nunha serie de tableaux vivants, máis vivos ca estáticos, e onde Azevedo utiliza o teatro, a pintura, a arte e a representación para conformar unha obra violenta e total. O grao de apaixonamento cede un pouco en A portuguesa, mais non o total control do espazo fílmico e escénico (que no cinema da realizadora son unha mesma cousa) e do tempo: “o cinema é tempo”, di ela. E é certo. Suspensión do tempo real e creación dun tempo novo, libre e imposible de cronometrar.
A primeira parada desta viaxe ten que ser Vacas, o comezo dunha longa e proveitosa colaboración con Julio Medem, que se estenderá a La ardilla roja e Tierra, formando unha triloxía impagable que segue a figurar como o mellor do realizador vasco. Estes traballos colocaron a Emma como centro de atención de crítica e público grazas a unha mestura de naturalidade e de interpretación de raza que a levou cara ao seu primeiro Goya como protagonista de El perro del hortelano, de Pilar Miró. A partir de aí segue a traballar con directores como Sergio Cabrera, Mario Camus ou Manuel Gutiérrez Aragón e consegue dúas novas candidaturas aos Goya por Bajo las estrellas, de Félix Viscarret, e La mosquitera, de Agustí Vila.
Se damos un pequeno salto ao ano 2016, atopamos dous filmes extraordinarios: Julieta, de Pedro Almodóvar, e La propera pell, de Isaki Lacuesta, un fito na historia do noso cinema e na da propia Emma Suárez ao ser galardoada co Goya a mellor actriz protagonista e de reparto. De todos os xeitos, o verdadeiramente importante é a visión de conxunto e que Emma Suárez segue a encadear proxectos no cinema e na televisión con papeis a cada cal máis poderoso: Las furias, 70 Bin Ladens, Criminal, Néboa… Premiar a Emma Suárez é premiar ao cinema mesmo, xa que Emma Suárez é o cinema.
Se a vida de María Vázquez fose un guión, poderiamos dicir que o primeiro punto de xiro foi o seu coprotagonismo en Mataharis, de Icíar Bollain, que lle valeu unha candidatura aos Goya e varios premios. A partir de aí, volta ao traballo e a compaxinar sen descanso o cine co medio televisivo.
Hai un novo xiro na carreira de María Vázquez que por un lado a achega de novo a Galicia e, por outra banda, a consagra como a intérprete de pura raza que xa era, encadeando un éxito (de crítica e de público) tras outro: María (y los demás), Fariña, Trote… Cómpre deterse un pouco no traballo de Xacio Baño, onde ela é o filme e o filme é ela. Nesta película case sen diálogos, a linguaxe corporal é un retrato perfecto de como artellar un discurso da dor, da soidade e do afogamento vital. Logo virán Vivir sen permiso, Quen a ferro mata e a serie Néboa (a punto de estrearse). Paradoxalmente, canto máis se apega María Vázquez á nosa terra, máis universal se torna. É un orgullo para Cineuropa poder premiar a alguén con tanto talento e no mellor momento da súa carreira.
Premios Xurado Novo
Este é o Xurado Novo de #CINEUROPA33!
Teñen nas súas mans a composición dun palmarés no que se inclúen as seguintes categorías:
Mellor Película, Mellor Director/a, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina.
Os premios do Xurado Novo serán de carácter honorífico e daranse a coñecer na gala de Clausura do festival.

XOÁN DOMÍNGUEZ SAN JOSÉ
Estudante de Xornalismo e de Comunicación Audiovisual, natural de Compostela. Apaixonado do cinema, da beleza das pequenas cousas da vida.

CELIA EIRAS RUBÍN
Compostelá, estudante de Xornalismo e Comunicación Audiovisual e redactora en Balea Cultural. O cinema é a miña paixón e o documental o meu futuro.

ÁNGEL LÓPEZ RIVAS
Son un proxecto de científico que cada vez se arrepinte máis de non formar parte do mundo do audiovisual. Gústame a pizza con piña.

SARA SALGADO QUINTEIRO
Graduada en Historia da Arte, fan da cultura pop e reivindicadora das comedias románticas.

PEDRO SILVA CASTROMIL
Licenciado en Psicoloxía e graduado en Fotografía. Estudo un máster e traballo en hostalería. Desfruto das historias ben narradas.

VALERIA VÁZQUEZ DOMÍNGUEZ
Teño 22 anos e estudo o último ano de Ciencias Políticas. Para min o cine é a interacción entre as historias individuais e a realidade colectiva.

ARANXA VICENS
Son resistencia. Amante da investigación e as ferramentas que me axudan a entender mellor o mundo.