Ano
2019
2019
Dinamarca
127 min.
Drama, romance, intriga
Danés
Anne é unha avogada excelente e unha gran profesional especializada na infancia e na adolescencia. Ten o que semella ser unha vida perfecta: o seu marido, Peter, é médico, e xuntos teñen dúas fillas xemelgas. Cando o seu fillastro Gustav, con quen nunca convivira, se muda a vivir con eles, o crecente desexo de Anne lévaa por unha perigosa tobeira, coma a do Coello Branco. Cando se descobre todo, desátanse unha serie de acontecementos que ameazan con destruír o seu mundo. Como a Raíña de Corazóns, explora como se forxa un tráxico segredo familiar aos poucos e como as consecuencias da arrogancia, da luxuria e das mentiras conspiran para crear un dilema inimaxinable.
A película da cineasta danesa May el-Toukhy bebe da rica tradición de títulos como Teorema, de Pasolini, onde o sacrosanto núcleo familiar é ameazado por un elemento externo e desestabilizador. Neste caso, o “infiltrado” non é outro que o fillo que o cabeza de familia tivera con outra muller, de carácter tumultuoso e pendencieiro. Pero o que comeza como un drama familiar convértese con rapidez en algo moito máis perverso e refinado, onde os xogos de poder (de todo tipo de poder) pouco a pouco se descontrolan nun crescendo que colle co pé cambiado o espectador. A friaxe formal da película conta con varias fugas poéticas que potencian a asfixia do conxunto, e a singular interpretación de Tryne Dyrlholm eleva o conflito ata o infinito. Claude Chabrol estaría orgulloso.