Ano
2019
A Emmanuèle Bernheim e Alain Cavalier vencéllanos 30 anos de amizade. Xuntos comezan a preparar un filme baseado no libro autobiográfico da novelista, onde relata como seu pai lle pediu que “acabase con todo” logo dun infarto. Cavalier proponlle interpretarse a si mesma e el representar o pai dela. Unha mañá de inverno, Emmanuèle chama a Alain e dille que van ter que pospoñer a gravación porque necesita operarse de urxencia.
A extraordinaria carreira cinematográfica de Alain Cavalier, con títulos sublimes dentro do cinema de ficción “convencional” como Thèrese, leva tempo movéndose dentro da modalidade de “diarios fílmicos”, xénero que ten nomes gloriosos como Jonas Mekas ou David Perlov. Etre vivant et le savoir é un capítulo máis dun work in progress que semella que só terá un final cando o cineasta nos deixe. O cineasta grava con deleite os obxectos que o rodean mentres pensa en voz alta sobre a vida, a morte e a arte dun xeito sinxelo e esencial. A pesar da fraxilidade das súas imaxes, consegue momentos de alto voo poético, como cando recorre a unha mise en abyme de pantallas que multiplican a gravación do propio cineasta, creando ecos e transicións entre tempos e realidades.