Ano
2019
2019
España, Francia
129 min.
Drama
Castelán, francés
2019: sección oficial do Festival de Sevilla
Elena recibe unha chamada de Iván, o seu fillo de seis anos, quen lle di que está perdido nunha praia en Francia e que non encontra o seu pai. Esas palabras desesperadas do fillo foron o último que soubo del. Dez anos máis tarde, Elena vive na mesma praia onde o rapaz desapareceu, traballa de encargada nun restaurante e está comezando a saír dese escuro túnel onde leva ancorada tanto tempo. A súa vida axítase de novo cando coñece casualmente a Jean, un adolescente francés que lle recorda a Iván. Entre eles xorde unha forte conexión que acabará sementando o caos e a desconfianza ao seu redor.
Rodrigo Sorogoyen fai aquí unha operación de alto risco: parte da súa laureada curtametraxe e no lugar de, por exemplo, un Andrés Muschietti, que tamén converteu en largo Mamá, o seu traballo de nome case idéntico, alongar a historia ata chegar a unha duración convencional (e, todo sexa dito, perdendo toda a graza polo camiño), o español utiliza o seu traballo anterior só como punto de partida. O fascinante é que ao avanzar a historia, que quedaba tan tensamente aberta na curtametraxe, o filme cambia sorpresivamente de xénero. Poucos cineastas do nos país poden exhibir esta liberdade creativa á hora de afrontar os seus proxectos, rachando coas expectativas e apostando por un filme valente sobre necesidades afectivas de diverso calado e alcance.