Ano
2019
2019
Austria
100 min.
Drama, sobrenatural, familia
Inglés
Alice é unha nai solteira que cultiva plantas nunha empresa que busca desenvolver novas especies. É a responsable do exitoso último deseño da súa compañía: unha crisálida que destaca non só pola súa beleza, senón tamén polo seu valor terapéutico. Se a planta está en condicións óptimas, garántelle a quen a consuma sentir algo semellante á felicidade. Un día, Alice decide ir en contra das normas da súa empresa e lévalle unha planta a Joe, o seu fillo. Ambos os dous bautízana como “Little Joe” (“Pequeno Joe”). A medida que medra, Alice comeza a decatarse de que, se cadra, a súa nova creación non é tan inofensiva como suxire o seu nome.
Cando un cineasta se achega ao xénero fantástico ou de terror, ás veces adoita unha posición de superioridade sobre o xénero en si, un pouco dicindo que o seu cinema é máis importante que un “simple” filme de terror, e utiliza toda unha serie de desvíos para converter a película en algo máis “importante”. Jessica Hausner é unha directora sen prexuízos de ningún tipo, e sabe que o terror é o xénero máis maleable do mundo, e que non hai que acabar coa súa esencia para facer cinema de altura. Así que recolle toda a memorabilia que hai sobre invasións de ladróns de corpos e perdas de vontade e aplícalle o seu estilo frío e hierático, que lle senta de marabilla a esta historia da felicidade a través da deshumanización. Isto segue a ser un filme de Jessica Hausner e isto tamén é un filme de terror. E un dos bos.