Do 8 ao 27 de novembro de 2016

A trixésima edición de Cineuropa celebrouse do 8 ao 27 de novembro en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación, Auditorio de Galicia e Numax, que se incorpora este ano aos espazos que acollen o festival. Nesa edición participaron un total de 213 filmes, dos cales 30 competiron na Sección Oficial polo Premio do Público. Olivier Assayas, Marco Bellocchio, François Ozon, Xavier Dolan, Bertrand Bonello, Joao Pedro Rodrigues, Ulrich Seidl, Bruno Dumont, Cristi Puiu e Alain Guiraudie foron os principais nomes propios do cartel. A película seleccionada polo público como a mellor da edición foi Ma vie de Courgette, unha animación dirixida por Claude Barras.

Os Premios Cineuropa foron para o director Carlos Saura, a actriz Lola Dueñas e ao exdirector da Filmoteca Española Chema Prado.

Carlos Saura

Cando presentou La caza –inicialmente La caza del conejo– Carlos Saura, quen soamente dirixira antes a xa anticipatoria Los golfos e Llanto por un bandido, algo se abalou naquela placa tectónica que ameazaba con moverse e retumbar en canto o cinema español se achegase ao tema da nosa guerra incivil (creo que foi Daniel Sueiro quen así a rebautizou) sen facelo baixo o palio da cruzada salvadora do comunismo. É La caza unha película seminal na historia do noso cine: a primeira que trataba a violencia desatada tras o golpe do 36 coa aura de apocalipse ou de holocausto que a caracterizou.

Lola Dueñas

Lola Dueñas vén de rematar a azarosa rodaxe de Zama, o agardado retorno da arxentina Lucrecia Martel baseado na novela de culto de Antonio Di Bendetto. E en Francia filmou tres películas este ano, unha delas a excepcional Les Ogres, de Léa Fehner, que Cineuropa ofrece en primicia absoluta en España despois de que o noso equipo se namorase da película no pasado Róterdan. Tamén vén Lola de campear como musa do cinema de terror asalvaxado con Alléluia, a versión de Fabrice Du Weltz do caso dos asasinos da lúa de mel (The Honeymoon Killers, de Leonard Castle; e tamén o Profundo Carmesí do noso Premio Cineuropa do pasado ano, Arturo Ripstein) que estivo na Quincena de Cannes e pola que premiaron a Lola no Festival de Cinema Fantastico de Austin.

Chema Prado

Despois de 26 anos á fronte da Filmoteca Española, Chema Prado anunciou en marzo de 2016 a súa saída do cargo. O combate contra a desidia de quen manda no Ministerio de Cultura –e foron moitos e moi poucas veces bos os que comandaron ese ministerio desde que Chema pasou a dirixir a Filmo con Miguel Marías como director xeneral e Jorge Semprún no papel do ministro. Nese tempo, Chema Prado situou á Filmoteca Española en lugar preeminente en canto a prestixio internacional– pola sede estable de proxeccións, o Cinema Doré, inaugurado baixo o seu mandato, pasaron Jim Jarmusch, Budd Boetticher, Néstor Almendros, Jean Negulesco, Stanley Donen, Bernardo Bertolucci, Jacques Demy, Abbas Kiarostami e tutti quanti- e inaugurouse en 2012 o Centro de Conservación e Restauración na Cidade da Imaxe de Madrid.