Do 29 de outubro ao 15 de novembro de 1991

Nos habíamos querido tanto, de Ettore Scola, gañadora do Premio do Público en 1990, encargouse de dar o pistoletazo de saída ao quinto Cineuropa. Foi a noite do 29 de outubro de 1991 no cine Yago. Mentres, no Teatro Principal, o Nosferatu de Murnau preludiaba unha terrorífica programación. E é que, nesta edición dedicouse toda unha sección á máis soada produtora de cinema de terror, a Hammer, baixo a denominación de A Hammer: unha casa común? Este ciclo xunto a Homenaxe a Álex North ou o dedicado ao Cinema Independente Norteamericano, compartiron cartel cos xa estables Sección Oficial, Panorama Internacional e Cinefilias.

En 1991 foron 73 os títulos proxectados, de cineastas tan egrexios como Zhang Yimou, Jean-Paul Rappeneau, Eduardo Campoy, Bertrand Tavernier, Ricardo Franco ou Ingmar Bergman, entre moitos outros. A última actuación cinematográfica de Giulietta Masina, Hoy quizá, dirixida por Jean-Louis Bertuccelli, destacou como favorita do público.

O 15 de novembro rematou este quinto Cineuropa co tradicional maratón, formado por oito filmes: El huevo de la serpiente, de Ingmar Bergman, El enigma del hechicero, de Bob Hoskins, Splendor, de Ettore Scola, A solas contigo, de Eduardo Campoy, La pasión solitaria de Judith Hearne, de Jack Clayton, La blanca paloma, de Juan Miñón, Escándalo, de Michael Caton-Jones, e… a primeira película sorpresa do festival!