Do 2 ao 30 de novembro de 2005

Aquel novembro de cinema en Compostela de 2005 abriuno Viva Zapatero, de Sabina Guzzanti e dedicamos unha retrospectiva a Michael Haneke, que viña de gañar o premio ao mellor director no festival de Cannes por Hidden (Caché). Aquel ano trouxemos tamén Manderlay, de Lars von Trier; Hard Candy, de David Slade, que viña de arrasar no Festival de Cine Fantástico de Sitges; Ás 5 da tarde, de Samira Makhmalbaf; Live and Become, de Radu Mihaileanu; aquel Othello, de Stuart Burge que protagonizara Laurence Olivier; e así ata sumar 95 títulos no que pasaría a historia coma o derradeiro Cineuropa con menos de 100 películas no programa.

O día 15 entregamos o Premio Cineuropa a un grandísimo Luís Tosar, e aproveitamos que viña para proxectar Galatasaray-Dépor, de Hannes Stöhr; 13 badaladas, de Xavier Villaverde; La vida que te espera, de Manuel Gutiérrez Aragón; e O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa.

O maratón de 2005 comezou o 30 de novembro con Racing bull, de Martin Scorsese. De seguido viñeron Crash, de David Cronenberg; Abre as orellas, de Stephen Frears; Naked lunch, de David Cronenberg; Pat Garret and Billy the kid, de Sam Peckinpah; O neno de Mâcon, de Peter Greenaway; e xa para antes de ir á casa a durmir (ou de reenganchar coa facultade, que de todo hai), Barton Fink dos irmáns Coen.

Luis Tosar

Este lucense nado en 1971 comezou a súa carreira como actor na década dos 90 participando en curtametraxes e series de TV para dar o salto ao cinema en 1998 co papel de Cazorla en Atilano Presidente, de Santiago Aguilar e Luis Guridi. Foi actor secundario en varias películas, destacando o seu papel en Flores de otro mundo, de Icíar Bollaín (1999), polo que chegou a estar nominado ao Goya como actor revelación. Goya que non tardaría en chegar pois no 2003 recibiuno como mellor actor de reparto por Los lunes al sol, de Fernando León de Aranoa. Aquel ano marcaría a súa traxectoria ao abrirlle as portas como actor protagonista en longametraxes e gañando merecidos premios por elo. Asi foi con Te doy mis ojos de Icíar Bollaín, onde a súa poderosísima interpretación de home frustrado e violento foi premiada coa Cuncha de Prata no Festival de San Sebastián de 2003 e co Goya ao mellor actor principal de 2004. Pero a súa exitosa carreira (O lápis do carpinteiro, de Antón Reixa; Cargo, de Clive Gordon; etc) mereceu outro Goya no 2010 polo seu inesquecible papel de Malamadre en Celda 211, de Daniel Monzón. E nós, orgullosos de Luis.