Do 1 ao 30 de novembro de 1998

Entre o 1 e o 30 de novembro de 1998 celebrouse a duodécima edición de Cineuropa. Ao longo de todos eses anos o festival foi forxando a súa propia identidade. A estas alturas eran perfectamente recoñecibles non só moitos dos prestixiosos cineastas, senón tamén os estilos cinematográficos que ían compoñendo Cineuropa.

Very bad things, de Peter Berg, foi a película sorpresa dunha edición na que se proxectaron 65 títulos e na que gañou o Premio do Público My name is Joe, do británico Ken Loach. Rendeuse homenaxe a grandes mestres do cinema como Kurosawa e Hitchcock mediante senllos focos, e ao cineasta español Ricardo Franco, falecido uns meses antes, coa exhibición da súa película póstuma, Lágrimas negras.

Sete foron os filmes do maratón que botou o peche do festival aquel ano: Poodle springs, de Bob Rafelson; Career girls, de Mike Leigh; Full tilt boogie, de Sarah Kelly; Licántropo, de Francisco R. Gordillo; Mimic, de Guillermo del Toro; She’s so lovely, de Nick Cassavetes; e Boogie nights, de Paul Thomas Anderson.