Do 1 ao 30 de novembro de 2000

No ano 2000, Cineuropa sorprendeu a propios e estraños coa entrega dos primeiros Premios Cineuropa. Tres foron os galardóns outorgados, os Miróns, creados ex professo polo escultor compostelán José Francisco López, Francés. O primeiro foi para a actriz Marisa Paredes, que recibía o seu Mirón de mans da presentadora Ana García-Siñeriz na gala inaugural. E é que nesta décimo cuarta edición, Canal Plus colaborou estreitamente co noso festival. Tras da gala, proxectouse El Coronel no tiene quien le escriba, de Arturo Ripstein, protagonizada pola galardoada.

O director José Luis Borau, figura fundamental do cinema español, recibiu o 9 de novembro o segundo dos Premios Cineuropa, previamente á proxección de Leo e Furtivos, os seus dous filmes máis recoñecidos. Por fin, o distribuidor Emilio Baños foi o terceiro premiado desa edición, en recoñecemento ao seu imprescindible labor de distribución e difusión do cine galego.

A programación compúxose de 68 películas que se exhibiron no teatro Principal entre o 1 e o 30 de novembro. Grandes triunfadoras nos grandes festivais internacionais, como Amores perros, de Alejandro González Iñárritu,  A carta, de Manoel de Oliveira, ou Beautiful People, de Jasmin Dizdar, compartiron cartel con clásicos como La gran Ilusión, de Jean Renoir, ou Cayo largo, de John Huston.

As sete películas que tiveron en vela os espectadores do Principal na noite do maratón foron: Nationale 7, de Jean-Pierre Sinapi; The last days of disco, de Whit Stillman; Blood for Dracula, de Paul Morrisey; Bulworth, de Warren Beatty; Existenz, de David Cronenberg; Celos, de Vicente Aranda e Asediada, de Bernardo Bertolucci.

Marisa Paredes

Unha gran amiga do festival que, á parte de recibir o seu merecido Premio Cineuropa no ano 2000, acudiu ao festival en 2003 para entregarlle o premio ao cineasta Bigas Luna, e en 2015 para facer o propio co mexicano Arturo Ripstein. Traballadora incansable, viviu con Tacones lejanos, de Pedro Almodóvar, un punto de inflexión na súa carreira, dándose a coñecer no panorama internacional. Colaborou tamén con cineastas da talla de Gonzalo Suárez, Philippe Lioret, Fernando Trueba ou Roberto Benigni, entre moitos outros. Entre os anos 2000 e 2003 foi a presidenta da Academia do Cine Español.

José Luis Borau

Cineasta, escritor e licenciado en Dereito, foi presidente da Academia do Cine entre 1994 e 1998, presidente da SGAE entre os anos 2007 e 2011, e membro da Real Academia Española desde 2008 ata a súa morte, en 2012. O seu maior éxito comercial foi Furtivos, un filme que logrou burlar a censura franquista, a pesar dos intentos desta de impoñerlle 40 cortes. Furtivos obtivo en 1975 a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián. No ano 2001, Borau logrou con Leo, considerado o seu mellor filme, o premio Goya á mellor dirección.

Emilio Baños

Emilio Baños é un dos nomes fundamentais da industria cinematográfica galega. O vigués, de orixe humilde, traballou desde neno como un auténtico home orquestra nos cines de Isaac Fraga ata que montou a súa propia empresa de distribución: Baños Films. Grazas ao seu infatigable labor, gran parte da produción cinematográfica galega chegou á gran pantalla desde os anos 60.