Case duascentas películas foron as proxectadas en Compostela entre o 8 e o 29 de novembro de 2013, na que foi a vixésimo sétima edición de Cineuropa. Ese ano coñecimos a Jep Gambardella, protagonista de La grande bellezza de Sorrentino; contemplamos unha Costa da morte cargada de poesía grazas a Lois Patiño; e gozamos, en fin, co mellor cinema do ano, como a gañadora do Oso de Ouro en Berlín, Child’s Pose; a Cuncha de Ouro en San Sebastián, Pelo Malo; a vencedora do festival de Róterdan, My dog killer; ou o Premio do Público en Berlín, Alabama Monroe, que obtivo tamén o mesmo premio en Cineuropa.
O 16 de novembro entregóuselle o premio Cineuropa a José Sacristán, o primeiro dos tres galardoados. Tras a gala, Sacristán acompañounos á proxección de Madrid, 1987, dirixida por David Trueba e protagonizada por el. María de Medeiros, a segunda premiada da edición, ofreceunos un concerto o día 18 e a estrea do seu último traballo como directora, Repare bem (Os ollos de Bacuri), o día seguinte, xusto despois de recoller o seu galardón. O día 28 foi Albert Serra quen compartiu uns gozosos intres con nós. Tras a gala do premio, presentou Història de la meva mort filme que viña de gañar o Leopardo de Ouro no Festival de Locarno.
Por último, as curtas No tiene gracia e La carne cruda deron comezo ao maratón que clausurou o festival o día 29, que continuou coas longametraxes Mr. Vampire, Tony Manero, Moebius como película sorpresa La horripilante bestia humana, Un borghese piccolo piccolo, Halley, Alligator e Klip.