Do 9 de novembro ao 2 de decembro de 2011

Cineuropa chegou á súa 25ª edición en 2011. 141 foron os filmes proxectados entre o 9 de novembro e o 2 de decembro de 2011. Nas pantallas do Principal, do Salón Teatro, do CGAC e da Sede Novagalicia, fluíron as historias dos mellores cineastas: Bela Tarr, Shion Sono, Bruno Dumont, Bertrand Bonello, Aki Kaurismaki, Aleksandr Sokurov, Valérie Donzelli, os irmáns Dardenne, Isaki Lacuesta, Jerzy Skolimovsky ou Hirokazu Kore-Eda, entre outros. E é que, como anunciaba José Luis Losa, director do festival, “en tempos difíciles coma estes, non parece a quietude a mellor solución. Por iso as imaxes en torno ás cales xira a viaxe desta XXV edición de Cineuropa levan a sinatura de aventureiros ou visionarios do cambio”.

Tamén foi un aniversario moi especial en canto aos premiados: na gala de inauguración recibiu o galardón Aitana Sánchez-Gijón, nunha cerimonia presentada pola actriz galega María Vázquez. A continuación, proxectaríase Oviedo Express, unha das mellores comedias españolas da última década, dirixida por Gonzalo Suárez e protagonizada por Sánchez-Gijón. O segundo premiado da edición foi Jorge Drexler, gañador dun Oscar e un Goya pola súa música para o cine. O cantautor presentou no concerto que ofreceu tras a gala, o seu novo espectáculo audiovisual Mundo Abisa, que complementou con outras cancións compostas para o cinema para festexar a entrega do premio.

Por fin, máis de quince horas de cine pecharon o festival cun maratón de título Terapias de shock. Os reis do freak cinema. As nove películas proxectadas foron: Carabás, curta de Francisco Calvelo; Guilty of romance, de Shion Sono; Ai no mukidashi (Love exposure) de Shion Sono; Susan in red, curta de Franck Giordanengo; Hors Satan, de Bruno Dumont; The wicker man, de Robin Hardy (película sorpresa); Cold fish, de Shion Sono; Attack the block, de Joe Cornish; e L’humanité (A humanidade), de Bruno dumont.

Aitana Sánchez Gijón

Aitana Sánchez-Gijón de Angelis naceu en Roma o 5 de novembro de 1969. Desde nena tivo moi claro que quería ser actriz e, aínda que empezou Filoloxía, deixouno o segundo ano para concentrarse na súa carreira e estudar Arte Dramática. Converteuse nun rostro popular grazas ao seu traballo en Bajarse al moro, de Fernando Colomo. Entre unha filmografía de máis de 40 títulos, El pájaro de la felicidad, de Pilar Miró; La camarera del Titanic e Volaverunt, de Bigas Luna; ou Celos, de Vicente Aranda, son só algúns exemplos. O seu compromiso co cinema levouna a desempeñar o cargo de presidenta da Academia do Cinema entre os anos 1999 e 2000. Na actualidade compaxina o cinema coa televisión e o teatro.

Jorge Drexler

O cantautor uruguaio Jorge Drexler naceu en Montevideo o 21 de septiembre de 1964. Graduouse en medicina e exerceu de médico ata comezar a súa carreira musical con La luz que sabe robar. A partir de entón gravou 14 álbums e traballou con músicos como Caetano Veloso, Joaquín Sabina, Kiko Veneno, Kevin Johansen ou René ‘Residente’ Pérez (Calle 13). Co seu tema Al otro lado del río, composto para o filme Diarios de motocicleta, de Walter Salles, gañou un Oscar en 2004. En febreiro de 2011, a Academia do Cine entregaríalle o Premio Goya á mellor canción orixinal por Que el soneto nos tome por sorpresa, composta e interpretada por Drexler, que forma parte da banda sonora orixinal de Lope, de Andrucha Waddington.