Unha película rodada integramente en Compostela, A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, inaugurou a XXII edición de Cineuropa, celebrada entre os días 4 de novembro e 3 de decembro de 2008. Foi toda unha declaración de intencións xa que, por vez primeira, se dedicou toda unha sección de máis de 100 pezas cinematográficas ao emerxente sector audiovisual galego.
Dous foron os cineastas premiados aquel ano, o arxentino Pablo Trapero e o catalán Jaime Rosales. O día 15 celebrouse a entrega do premio Cineuropa a Jaime Rosales, que aproveitou para presentar no festival a súa última obra Tiro en la cabeza, premio Fipresci no Festival de San Sebastián. Pola súa banda, Trapero recibiu o seu galardón o día 19, previamente á proxección de Leonera, película que viña de ser nomeada á Palma de Ouro no Festival de Cannes.
A gañadora do premio do público foi Kirschblüten-Hanami (Cerdeiras en flor), de Doris Dõrrie, longametraxe que cun 8,3 desbancou do primeiro posto a A onda, de Dennis Gansel, que ficou nun 8,2. Unha dás películas sorpresas da edición foi Il Divo, de Paolo Sorrentino, Gran Premio do Xurado en Cannes. A outra, a do maratón, agardamos que nola desvele calquera dos nosos cinéfilos lectores.
Por último, sete foron as películas do maratón, que baixo o título de Carne clausurou o festival o día 3 de decembro: May, de Lucky McKee; Peeping Tom, de Michael Powell; Shortbus, de John Cameron Mitchell; Carne, de Armando Bo; Supervixens, de Russ Meyer; Gojitmal (Mentiras), de Sun-Woo Jang; e The addiction, de Abel Ferrara.