Skip to main content

Que marabillosa sensación!

Iso é Cineuropa, a marabillosa sensación de gozar do cinema na gran pantalla, cinema de prestixio para público heteroxéneo que mantén intacta a columna vertebral do festival. Compostela, en novembro, é o cine que transita do Teatro Principal ao Salón Teatro, de Numax aos Multicines Compostela e ao Auditorio de Galicia, espazos que abren as súas portas á creatividade, á multiculturalidade e á paixón.

Compostela e Cineuropa reafírmanse nas súas raíces, como o fai o cine nos seus clásicos, e por iso réndeselle homenaxe a talentos como o director Jean-Luc Godard e a actriz China Zorrilla. Mais o festival mantén invariables seccións como a Europea, Latidoamericano, Docs Cineuropa ou o esperado Maratón, seccións que desde as primeiras edicións nos fan ficar expectantes por poder ver na nosa cidade a mellor selección de filmes das mostras máis importantes de todo o mundo.

Nesas e noutras seccións poderemos asistir á proxección dos últimos traballos de recoñecidos cineastas como Rodrigo Sorogoyen, Rebecca Zlotowski, Paul Schrader, Mia Hansen Løve, Denis Côté, Hirokazu Koreeda e explorar as propostas de realizadores emerxentes como Charlotte Le Bon, Mikel Gurrea, Alice Diop, Paul Saintillan ou Valentina Murel.

Nesta 36 edición reivindícase o cinema musical, unha mirada ás bandas sonoras, ás coreografías, ao esquecemento da tristeza para pór música e revivir esas icónicas imaxes que xa forman parte do noso imaxinario. Todas e todos lembramos o cruel coreógrafo interpretado por Roy Scheider en All that Jazz, o malvado magnate de A pantasma do paraíso de Brian de Palma, a parella protagonista de New York, New York de Martin Scorcesse ou o abrigo amarelo que vestía Catherine Deneuve en Os paraugas de Cherburgo.

Para Ana Belén e Charo López será o noso recoñecemento. Premios Cineuropa para dúas profesionais dunha magnitude que vai alén do cinema pero que nos permiten repasar as nosas vidas a través da súa filmografía. E para João Pedro Rodrigues, pois o seu traballo encaixa coa pretensión de contar en Cineuropa con personaxes de primeira liña no panorama internacional. Sen esquecermos o cinema galego, nun momento álxido, representado polo cineasta Lois Patiño; a súa carreira como videocreador foi auspiciada inicialmente coa súa participación na mostra do Premio Novos Artistas do Auditorio de Galicia, polo que para nós é unha enorme satisfacción entregarlle este ano un dos galardóns Cineuropa.

Trinta e seis edicións xa contan unha historia, a dun festival que vai de boca en boca, a que se amosa nos integrantes do xurado novo que devecen por participar tras escoitaren falar de Cineuropa na súa familia. Estamos orgullosos de Cineuropa; do camiño transitado e dun presente no que continuamos na procura da maior utilidade para os nosos obxectivos, traballando esperanzados para adaptármonos aos novos valores e ás novas estruturas.

Non sería posible celebrar este festival sen os apoios de institucións públicas como o Consorcio de Santiago, a Deputación da Coruña, a AGADIC, o ICAA, o Instituto Camões ou a Embaixada de Uruguai e mais o de empresas privadas, o que dá conta da calidade do evento e do seu arraigo, polo que só lles podo dar as grazas.

Agradecemento que fago extensible a todas e cada unha das persoas que traballan para que todo estea a punto cando baixa a luz para a primeira proxección e durante todas as semanas que dura o festival.

Grazas tamén ao público que, como cada ano, volverá encher as salas para celebrar o cinema na 36 edición de Cineuropa!

Xosé A. Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela

#Cineuropa36

Na natureza humana reside a capacidade de poñerlle ao mal tempo boa cara. Isto é, de cantar baixo a choiva. No medio dunha paisaxe que non cede no seu perfil tosco, desventurado, para algúns definido sen caer na hipérbole como apocalíptico, parece que do cinema debemos agardar agora que se active como ese alugueiro para soñar que está nas súas mesmas orixes.

A alfombra xenérica que este 36º Cineuropa lle tende ao musical é un convite a que a nosa mente, as nosas sinapses fatigadas, dancen, sexan quen de se elevar nun baile que desafíe a lei da gravidade como facía Fred Astaire nunha memorable secuencia de Vodas reais.

Camiñar a carón de Gene Kelly, habitar o reino de Camelot sen ser nin o rei Arturo nin Jackie Kennedy, recuperar a Marilyn sen aditivos ou viaxar ao mundo alternativo de Oz con Dianna Ross e un Michael Jackson aínda non cancelado son un convite para colgar a xa citada apocalipse no gardarroupa da sala de cinema. Canciones para después de una guerra, como dicía Basilio Martín Patino. O paseo que lles ofrecemos por este xénero que moitas e moitos espectadores non coñeceron nunha gran pantalla ten como acontecemento a recuperación dunha xoia de Jacques Demy, Une chambre en ville, que nos devolve a Dominique Sanda no seu apoxeo.

Unha habitación na cidade. Iso queremos que sexan nestes días o Teatro Principal e mais as outras salas do festival. Unha habitación para soñar. Cineuropa ábrese con máis ganas ca nunca para que as ficcións ou as construcións máis lúcidas sobre a realidade nos abracen. E cando o cinema en pantalla grande compartida é, en si mesmo, unha aperta cívica e sentimental.

No programa confío en que atopen todas esas películas das que escoitaron falar ao longo da tempada. Cinema moitas veces polémico, que entusiasmou ou enfureceu. Pero que non os vai deixar indiferentes. Cinema que axite ou que abrace, como lles dicía. Historias de (des)amor ou de desexo. Algunha mesmo prohibida polos puritanos ianquis nos seus mercados. E ata dúas películas rusas realizadas antes da tolemia da guerra e que se conforman como denuncias anticipadas dunha psicose do poder.

Nesta 36ª edición asentamos o carácter de Cineuropa como festival competitivo, con once películas a concurso e un xurado internacional que deixará para a nosa memoria o segundo palmarés con títulos que prometen descubrirlles talentos en auxe.

Adiantarémoslles a primicia da película española da tempada: Mantícora. E da que para boa parte do equipo é a grande obra deste 2022: Trenque Lauquen. Tamén ese absoluto e mesmerizante achado fílmico e historiográfico que é El caso Padilla, con imaxes da famosa autocrítica do artista na Habana de 1971.

Sentirémonos ben ledos de lles poder render tributo aos nosos Premios Cineuropa desta edición. Ana Belén e Charo López son aristócratas artísticas nadas da meritocracia de décadas ofrecéndonos rexistros sen os cales o cinema español non se entendería. Lois Patiño e a súa cosmogonía son un luxo que desde Galicia ocupa xa o gotha do panorama internacional. E o portugués João Pedro Rodrigues –del vimos no noso festival Odete, Morrer como un homem, A última vez que vi Macau e O ornitólogo— é o nome do fecundo cinema luso tras as homenaxes a Manoel de Oliveira, Pedro Costa ou Miguel Gomes ao que xa nos tocaba render tributo. Farémolo a través da película coa que revolucionou a Quincena de Realizadores do pasado Cannes, Fogo Fátuo, con brotes de musical queer que sintonizan moi ben co emblema temático desta edición.

Confíamos en que se mergullen a fondo nestas case tres semanas que converteron Cineuropa, grazas a vostedes, nesa gran festa da democratización do cinema máis sensible. No Festival Internacional de Cinema de Galicia.

Todas e todos os que aman o cinema posúen esa virtualidade de poder camiñar nas súas vidas polo tránsito da crítica realidade e, simultaneamente, evadirse polo rumbo á ilusión de cento e unha películas. Esa natureza desdobrada en dúas caras ou dous roteiros que, como dicía a tan estrañada Agnès Varda, unha canta, a outra non.

José Luis Losa
Director de #Cineuropa36

Equipo

ALCALDE DE SANTIAGO
Xosé A. Sánchez Bugallo
CONCELLEIRA DE ACCIÓN CULTURAL
Mercedes Rosón Ferreiro
DIRECTOR
José Luis Losa
PRODUCIÓN
Alejandra Trelles
Ismael Romarís
COORDINACIÓN DE PROGRAMACIÓN
Ana Gontad
EQUIPO DE PROGRAMACIÓN
Alejandra Trelles
Ana Gontad
José Luis Losa
ASESORÍA DE PROGRAMACIÓN
María José Santacreu
COORDINACIÓN PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO
Alejandra Trelles
Ana Gontad
COMUNICACIÓN
Míriam Louzao
Ana Gontad
DESEÑO GRÁFICO E WEB
The Office Comunicación
TRADUCIÓNS
Mariel Lettier
COORDINACIÓN TRÁFICO DE PELÍCULAS
Brais Gómez
RESPONSABLE DE SALA SALÓN TEATRO
Francisco Javier Núñez
RESPONSABLE DE SALA MULTICINES COMPOSTELA
María Arias
RESPONSABLE DE SALA CINEMA NUMAX
Xan Gómez
VíDEOS PREMIOS CINEUROPA
Aldara Pagán
Sergio Santacreu
PROXECCIONISTAS
Miraxe Soc. Coop. Galega
Numax
Multicines Compostela
ATENCIÓN AO PÚBLICO
Atlantic Ponte
PRESENTADOR GALAS E INVITADOS
Moncho Lemos
ALUMNADO EN FORMACIÓN CIFP IMAXE E SON
Melissa Carreira Lago
Guilherme Ricardo Scortegagna
Gonzalo Rodríguez Serrano
DIRECTOR-XERENTE AUDITORIO DE GALICIA
Xaquín Lopez
SUBDIRECTORA AUDITORIO DE GALICIA
Silvia Modia
GABINETE TÉCNICO AUDITORIO DE GALICIA
David Areán
Chus Busto
Míriam Louzao
Carlos Millán
Ángeles Otero
Ana Parga
Ángela Pereira
GABINETE TÉCNICO TEATRO PRINCIPAL
Xesús Amado
Montse Cillero
Ana Rello
AGRADECEMENTOS
Joan Sala
María Arias
Fernanda Descamps
Lucía Meik
Julia Meik
Ángel Quintana
Imma Merino
José Manuel Sande
Xan Gómez
José Antonio Liñares
Lorena Pérez Castro
Juan Manuel Chaves
Amaia Serrulla
Maitane Aramberri
INSTITUCIÓNS
Filmin
Meikincine
Cinemateca Uruguaya
Instituto Camões
Montelona Films
Katasia Filmes
La Ventana Cine
Quechua Films
Rayon Vert
Escola de Imaxe e Son (A Coruña)
Video Filmes
Aturuxo Filmes
Mediterraneo Media Entertainment, S.L.
Sarao Films SL
Quality Producciones
Trivial Media

O autor do deseño e fabricación das pezas dos Premios Cineuropa é o escultor Francés.