Skip to main content
Este xoves contaremos coa presenza dos cineastas Javier Izquierdo e Manuela Martelli, que visitan o festival para presentar ‘Barajas’ e ‘1976’ respectivamente.

 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022.- Lonxe de esmorecer, Cineuropa afronta os seus últimos días con toda a enerxía e, como non podía ser doutro xeito, con moito cinema. Este xoves 17 de novembro estará protagonizado por varias proxeccións, coloquios, a presentación dun libro, un filme sorpresa e unha proxección musicalizada pola Real Filharmonía Galega.

Ás 19:30 h temos unha cita no Salón Teatro con Javier Izquierdo, director de Barajas. O documental do cineasta ecuatoriano explora a morte de Ángel Rama, Marta Traba, Manuel Scorza e Jorge Ibargüengoitia nun accidente aéreo en 1983, preto do aeroporto madrileño do mesmo nome. A través de arquivos audiovisuais destes catro intelectuais latinoamericanos, a película indaga na historia política de América Latina durante a segunda metade do Século XX.

Pola súa banda, a cineasta chilena Manuela Martelli visita Compostela xunto a actriz Aline Küppenheim para presentar a súa ópera prima 1976, incluída na sección competitiva Novos/as Cineastas ambientado na ditadura chilena. Este filme que parte do íntimo para narrar o progresivo proceso de toma de conciencia dunha muller da alta burguesía no Chile de Pinochet formou parte da Quincena de Realizadores de Cannes, obtivo o premio á mellor ópera prima no BFI London Film Festival e vén de ser distinguido co premio á mellor actriz no Festival de Tokio. A cita con Manuela Martelli e Aline Küppenheim terá lugar en Numax ás 20 h.

A segunda película do austríaco Ulrich Seidl deste festival, celebrará a súa estrea ás 19:30 h. no Teatro Principal. Rimini, estreada internacionalmente na Sección Oficial da Berlinale, é un traxicómico filme sobre un crooner en decadencia co que Seidl abunda na súa traxectoria lendaria de cineasta do mal corpo. Todo un clásico xa neste festival. Ás 21 h. no Salón Teatro dará comezo o primeiro pase do filme gañador do Gran Premio do Xurado e mellores efectos especiais do Festival de Sitges. Trátase da surcoreana Project Wolf Hunting, de Kim Hongsun, unha mestura canalla de thriller acuático e cinema de monstros con poderes sobrenaturais celebrado aquí cun deses macro botellóns de sangue e corpos mallados ata quedar feitos paté moi do gusto de Sitges e, polo tanto, moi do gusto do público da sección Fantastique Compostela.

Logo das varias pistas que se irán transmitindo a través das redes sociais ao longo do día, no Teatro Principal comezará a soar o Que será será canto por Doris Day ás 21.45 h. o que significará o comezo da proxección da película sorpresa. Estean atentas e atentos porque este é un filme para non perder.

Alén das proxeccións das diferentes seccións do festival, cómpre salientar unha moi especial. E é que no centenario da película Foolish Wives, de Erich von Stroheim, a Real Filharmonía de Galicia interpretará a banda sonora do filme baixo a batuta de Timothy Brock. Trátase da estrea en Europa da restauración da película e da música. O pase do filme acompañado pola musicalización da RFG terá lugar na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia ás 19:30 h.

Por último, ás 16 h. da tardiña en Numax, teremos a oportunidade de coñecer e conversar co historiador e programador Severiano Casalderrey sobre o Caderno FICBUEU#3: las prácticas del IIEC y la EOC como primordio de un nuevo cine español (1947-76), unha publicación promovida polo recoñecido festival de curtas de Cangas que indaga a influenza do ‘Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas’ (IIEC) —reformulado en 1962 como ‘Escuela Oficial de Cinematografía’ (EOC)— desa xeración de cineastas que reformaron o cinema estatal nas décadas dos 50, 60 e 70. Á entrada á presentación da obra de Severiano Casalderrey será libre até completar capacidade.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA XOVES 17 DE NOVEMBRO

 

TEATRO PRINCIPAL

17.30 TENGO SUEÑOS ELÉCTRICOS, de Valentina Maurel

19.30 RIMINI, de Ulrich Seidl

21.45 PELÍCULA SORPRESA

 

SALÓN TEATRO

18.00 EL PERFECTO DAVID, de Felipe Gómez Aparicio

19.30 BARAJAS, de Javier Izquierdo + PRESENTACION E COLOQUIO

21.00 PROJECT WOLF HUNTING, de Kim Hong-sun

 

NUMAX

18.15 PIAFFE, de Ann Oren

20.00 1976, de Manuela Martelli + PRESENTACION E COLOQUIO

22.15 FIFI, de Jeanne Aslan e Paul Saintillan

 

AUDITORIO DE GALICIA. SALA ÁNGEL BRAGE

19.30 B.S.O. A RFG CON CINEUROPA