Skip to main content
O certame abre a súa última semana con once sesiones de cine.

 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022.- Entre as once proxeccións que protagonizarán a xornada deste luns, hai un que podemos salientar entre o resto. Trátase de Runner, a ópera prima de Marian Mathias, un filme que forma parte da competencia Novas/os Realizadores, que foi distinguido co premio especial do xurado no Festival de San Sebastián e que aquí poderemos gozar ás 17:30 h da tardiña no Teatro Principal. Segundo o director deste festival, José Luis Losa, Runner “é obra de aparencia minimalista pero alcance cara a profundísimos horizontes. Fala de dous personaxes moi perdidos nesas paisaxes do baleiro dos vastos estados despoboados norteamericanos. O encontro desta filla dun exasperado estafador con outro mozo que ambiciona saír do cercado existencial da American Trash está filmado por Marian Mathias cun esmagador sentido da beleza que eleva esta estampa da terra baldía, de apenas 70 minutos, ao territorio dos verxeis do soñado”.

Cita imprescindible deste luns será tamén o último pase do premio ao mellor guión no Festival de Cannes, que este ano foi para Conspiración no Cairo, de Tarik Saleh, un apaixonante e intelixente thriller político-relixioso de envolvente atmosfera que poderemos ver ás 21:15 h. no Teatro Principal.

Godland, do islandés Hlynur Palmason tamén di adeus a Cineuropa ás 18:45 h. no Salón Teatro. Trátase dun filme importante para a crítica internacional, un filme que podería emparentarse con traxedias escandinavas como Dies Irae ou Rompendo as ondas, mais gozando tamén dunha contundente personalidade de seu.

Ao longo da xornada deste luns poderemos asistir ás proxeccións doutros filmes incluídos na sección Novas/os Cineastas como Palmeiras e cables da luz, de Jamie Dack (que terá a súa estrea ás 19 h. no Teatro Principal) ou Piaffe, de Ann Oren, que dará comezo en Numax ás 21:45 h. A sección Cancións para despois dunha guerra tamén gozará dun importante protagonismo nesta xornada (lembramos que as entradas son gratuítas previa retirada de convite); así poderemos ver Os paraugas de Cherburgo, de Jacques Demy ás 17 h. no Salón Teatro; Lagaan: era unha vez na India, de Ashutosh Gowariker, ás 17 h. na Sala Mozart; Tempo de tormenta, de Andrew L. Stone ás 21 h. na mesma sala Mozart; ou Sempre vai bo tempo, de Stanley Donen e Gene Kelly ás 18 h. en Numax.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA LUNS 14 DE NOVEMBRO

TEATRO PRINCIPAL

17.30 RUNNER, de Marian Mathias

19.00 PALM TREES AND POWER LINES / PALMEIRAS E CABLES DA LUZ, de Jamie Dack

21.15 BOY FROM HEAVEN / CONSPIRACION NO CAIRO, de Tarik Saleh

SALÓN TEATRO

17.00 LES PARAPLUIES DE CHERBOURG / OS PARAUGAS DE CHERBURGO, de Jacques Demy

18.45 GODLAND, de Hlynur Pálmason

21.15 SPARTA, Ulrich Seidl

NUMAX

18.00 IT’S ALWAYS FAIR WEATHER / SEMPRE VAI BO TEMPO, de Stanley Donen e Gene Kelly

20:00 LA RED PONZAN, de Ismael Gutiérrez

21.45 PIAFFE, de Ann Oren

AUDITORIO DE GALICIA. SALA MOZART

17.00 LAGAAN: ONCE UPON A TIME IN INDIA / LAGAAN: ERA UNHA VEZ NA INDIA, de Ashutosh Gowariker

21.00 STORMY WEATHER / TEMPO DE TORMENTA, de Andrew L. Stone