Skip to main content
‘Godland’, ‘No bears’ e ‘Trenque lauquen’ son as citas imprescindibles desta nova xornada.

 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.- Trece son as sesións de cinema que protagonizan a xornada deste xoves 10 de novembro en Cineuropa. No Teatro Principal ás 19:30 h. dará comezo a que para moitos membros da crítica internacional é a mellor película da tempada, Godland, do islandés Hlynur Palmason. As súas imaxes, filmadas en 1:1,33 cos bordes redondeados sitúannos na Islandia de finais do século XIX, cando a illa é aínda unha colonia danesa. Ata alí chega unha expedición comandada por un sacerdote coa misión de edificar unha igrexa e levar a palabra de deus a unha pequena e illada comunidade, pretexto narrativo perfecto para que o director plasme unhas paisaxes impoñentes sobre as que se desenvolven varios conflitos dramáticos que se solapan: os territorios máis escuros da fe protestante, os medos máis irracionais enquistados nunha terra aínda virxe na que os colonizadores impoñen a súa lei e a procura dun rexistro científico en paralelo á procura relixiosa van dando forma, na súa dimensión temática, a un filme que podería emparentarse con traxedias escandinavas como Dies Irae ou Rompendo as ondas, mais gozando tamén dunha contundente personalidade de seu.

A continuación, ás 22 h. no mesmo Teatro Principal, terá lugar a estrea nesta edición do último do benquerido Jafar Panahi, un cineasta imprescindible neste festival. Con No Bears, que pechou a competición polo León de Oro no recente Festival de Venecia, Panahi vai máis aló nesta película e —segundo o director deste festival, José Luis Losa—, “se nas súas obras había mesmo algo de humor —no xeito en que Panahi, como superheroe persa, sorteaba de mil xeitos diferentes o seu arresto domiciliario—, en No Bears leva ao extremo a violencia do sistema. Orquéstrase sobre o seu coñecido xogo entre realidade e ficción —cinema dentro do cinema— e o mesmo Panahi dá máis ca nunca a cara como protagonista doutro dos seus xogos de metaficcións. Que xa non é para nada lúdico senón tétrico”.

Pola súa banda, ás 19:45 h. dará comezo no Salón Teatro o derradeiro pase do filme arxentino Trenque Lauquen, de Laura Citarella. A repentina desaparición da protagonista en Trenque Lauquen durante unha viaxe de traballo propicia o encontro dos dous homes que a aman: Rafael, o seu mozo, e Ezequiel, un amigo con quen investigaba unhas curiosas cartas eróticas escondidas na biblioteca municipal. Do mesmo xeito que outras producións de El Pampero Cine, a nova película de Laura Citarella estala en direccións impensadas: desde un romance ardente ambientado na década dos 60 ata o misterio dun enigmático ser atopado na lagoa de Trenque Lauquen. A fascinación polos relatos e o espírito de aventura funcionan como chaves que estruturan a película; a pampa bonaerense, extensa e inabarcable, esconde infinitas ficcións.

 

E moito máis…

Este xoves —ás 17:30 h. no Teatro Principal— teremos a última oportunidade de asistir ao paso do filme de Pequena flor por este festival. Trátase dunha aventura cinematográfica repleta de bo humor dirixida polo recoñecido cineasta arxentino Santiago Mitre que foi puntuada polo público de Cineuropa cun 7.5 na súa primeira exhibición.

Tamén terá lugar ás 19 h. nos Multicines Compostela o último pase de As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen; pase que contará coa presenza de dous dos actores protagonistas, Luís Zahera e Diego Anido, para establecer co público un coloquio que será retransmitido desde os Multicines en streaming a 25 salas do Estado.

O Cinema Numax, pola súa banda, acollerá de novo moito e importante cinema galego coa presentación do programa 2 de curtas, que contará tamén coa participación de dous dos directores: Pedro Díaz (La entrega) e Guillermo de Oliveira (Sauerdogs) na sesión das 17.15 h. Por último, ás 18:40 h. poderemos asistir á preestrea de Agromantes, un apaixonante e necesario documental de Cora Peña que pon o foco nun grupo de persoas que se reúnen para compartir as súas experiencias de loucura e psiquiatrización nun xogo de escenificación improvisada. Entre todas van trazando un debuxo complexo de como se vive nestas condicións de sufrimento psíquico intenso, nunha contorna de estigma, incomprensión e, mesmo, malos tratos frecuentes. Pero na escena tamén aparece o humor, autoconsciencia e unha gran sensibilidade que interpela directamente ao inadvertido espectador.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA XOVES 10 DE NOVEMBRO

 

TEATRO PRINCIPAL

17.30 PETITE FLEUR / PEQUENA FLOR, de Santiago Mitre

19.30 GODLAND, de Hlynur Pálmason

22.00 NO BEARS, de Jafar Panahi

 

SALÓN TEATRO

16.00 PURPLE RAIN, Albert Magnoli

18.00 EO, de Jerzy Skolimowski

19.45 TRENQUE LAUQUEN, de Laura Citarella

 

NUMAX

17.15 PROGRAMA 2. PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO (La entrega, de Pedro Díaz, O niño dos paxaros, de Lucía Estévez, e Sauerdogs, de Guillermo de Oliveira) + PRESENTACIÓN

18.40 AGROMANTES, de Cora Peña + COLOQUIO

20.20 TRES TIGRES TRISTES, de Gustavo Vinagre

22.00 REGRA 34, de Júlia Murat

 

MULTICINES COMPOSTELA

19.00 AS BESTAS, de Rodrigo Sorogoyen + PRESENTACION E COLOQUIO

 

AUDITORIO DE GALICIA. SALA MOZART

18.00 LES PARAPLUIES DE CHERBOURG / OS PARAUGAS DE CHERBURGO, de Jacques Demy

20.00 ESPERANDO LA CARROZA, de Alejandro Doria