Skip to main content
POR JOSÉ LUIS LOSA, director da 37ª edición de Cineuropa

 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023.- Que os estudosos do Cineuropa se poñan a sumar minutos dos maratóns de edicións anteriores do festival. Terán complicado atopar unha noite de terror cineuropeo máis longa que a deste venres. Oito filmes que comezan ás 21 horas do venres cunha disaster-movie francesa presentada este ano en Cannes e rematarán coa versión gore da traxedia aérea dos Andes, estreada en 1976, cun impacto comercial inusitado e pouco menos que secuestrada para a posteridade pola súa exaltación do canibalismo. Logo Hollywood faría aquela santona e aburridísima dulcificación titulada Viven. Nada que ver.

O 37º Maratón arranca con Ácido (Acide), de Just Philippot, un cruce de Terremoto e The Road, revival das películas de catástrofe dos anos 70, cun soberbio Guillaume Canet salteando as riadas de choiva ácida.

De Ácido pasaremos á primeira das sorpresas da noite. Ambos os dous filmes son deste ano e aínda inéditos en salas. Quizais o título destas dúas películas de incógnito lles traia ecos de brutal e moi desfrutable revenge con nome de muller.

A terceira película do maratón faranos preguntarnos que sucede con Vincent, un home común ao que de repente toda a humanidade parece odiar e que a cada paso atopa bandadas de xente disposta a aniquilalo. Vincent debe morrer (Vincent doit mourir) triunfou na Quincena de Cannes e en Sitges. E é toda unha declaración de intencións nunha sociedade cada día máis presa dos haters ou dos odiadores. E diante deles, coa morte nos talóns, o gran Karim Leklou, Vincent para os inimigos.

A continuación, un terceto de clásicos absolutos do cinema de terror do último cuarto do século pasado. Más negro que la noche é a película cume da benquerida escola do gótico mexicano. E tamén a peza mestra absoluta de Carlos Enrique Taboada, ao que o festival dedicou nesta edición un foco. Más negro que la noche é unha emanación desatada do xénero das casas malditas. Un feitizo, unha vella, un gato, unha ama de chaves, cadáveres no armario. E tres estrelas mexicanas do terror exploitation setenteiro sometidas ao tormento ou colgadas dunha escada: Claudia Islas, Lucía Méndez e Susana Dosamantes, que non é unha clonación de Paulina Rubio senón a proteica nai que a pariu.

O home de vime (The Wicker Man) é unha das máis descomunais rarezas da historia do cinema de terror. Esta anomalía que dende que se estreou en 1973 non fixo máis que incrementar as súas lexións de seguidores cumpre cincuenta anos. Esta versión é unha nova remasterización co final cut do seu director, Robin Hardy. Ata 12 minutos no seu día escondidos pola censura. A dicir verdade, en España priváronnos da película ao completo porque esta illa británica onde reina o paganismo, se practican orxías que emulan o xardín das delicias, Britt Ekland realiza un dos stripteases máis salvaxes de todos os tempos e Christopher Lee oficia como gran xamán da seita –toca o piano, canta, danza- debeu de provocar colapsos aos censores hispanos, aínda nacional-católicos. E –por certo– para aqueles que gozaron de Midsommer, que vaian pasando pola caixa para pagar polo plaxio que esta realizou –sen encomendarse nin a deus nin a Christopher Lee–da xa lendaria O home de vime.

E tras Más negro que la noche e O home de vime, o terceiro gran clásico da vela: Sete notas en negro (Sette note in nero), psicodélica creación do nunca abondo reverenciado Lucio Fulci, aquí cunha Jennifer O’Neill que viña de Río Lobo e de Verano del 42, sometida ao hipnótico estado de pesadelo que se apodera deste capolavoro de Fulci.

Entremedias, a outra película sorpresa do menú. Procede da Berlinale e é unha primicia en España dunha peza de terror transgresora de leis e lóxicas dirixida por unha muller de respecto. Para cando pase todo isto, afíen os dentes para gozar de como o mexicano René Cardona, vándalo mesmo cando xa era septuaxenario, mete a xente a bordo dun avión condenado a afundirse na neve andina. E deixe que os que aterren como poidan almorcen co sangue do seu sangue. Para entón, tómense se é necesario un chocolate con churros e presuman de ter superado a proba do maratón máis tolo das case catro décadas de Cineuropa.

Filmes que integran o 37º Maratón de Cineuropa

  • ACIDE / ÁCIDO (2023) | Just Philippot | Francia, Bélxica / 99 min / Ficción / Francés
  • PELÍCULA SORPRESA
  • VINCENT DOIT MOURIR / VINCENT DEBE MORRER (2023) | Dir. Stéphan Castang | Francia, Bélxica / 108 min / Ficción / Francés
  • MÁS NEGRO QUE LA NOCHE (1975) | Dir. Carlos Enrique Taboada | México / 96 min / Ficción / Español
  • PELÍCULA SORPRESA
  • THE WICKER MAN / O HOME DE VIME (1973) | Dir. Robin Hardy | Reino Unido / 88 min / Ficción / Inglés
  • SETTE NOTE IN NERO / SETE NOTAS EN NEGRO (1977) | Dir. Lucio Fulci | Italia / 95 min / Ficción / Italiano
  • SUPERVIVIENTES DE LOS ANDES (1976) | Dir. René Cardona | México / 111 min / Ficción / Español, inglés