Skip to main content

Do 7 ao 28 de novembro de 2018

A 32ª edición de Cineuropa recoñeceu as traxectorias de Isaki Lacuesta, Ángela Molina e Antonio Durán, Morris, nunha ano no que se proxectaron 307 filmes repartidos en 21 seccións. O filme La noche de 12 años, do realizador montevideano Álvaro Brechner foi o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que tamén contou coa participación da artista plástica, música e cantante Queyi. A selección de películas incluía os últimos traballos de cineastas xa veteranos deste festival como László Nemes, Florian Henckel, Paolo Sorrentino, Paolo Virzì; e de novos e prometedores cineastas como Louis Garrel , Alisa Berger, Adina Pintilie, Yann Gonzalez ou Sonja Prosenc.

O director alemán Florian Henckel gañou por segunda vez o premio do público do festival con Obra sen autor, despois de que en 2006 vencese con A vida dos outros.

Ángela Molina

Actriz de cine e teatro, debutou en 1975 co filme No matarás, de Cesar Fernández Ardavin. En 1985 obtivo o Gran Premio da Crítica de Nova York e, ao ano seguinte, converteuse na primeira actriz estranxeira en recibir un David de Donatello, por Camorra, de Lina Wertmüller. En 1986 consegue tamén a Cuncha de Prata á mellor actriz por La mitad del cielo no Festival de San Sebastián. Despois virían o Premio Cidade de Huelva en 1999; o Premio Málaga en 2002, a Espiga de Ouro e a mención especial no Festival de Málaga en 2012, o Premio Nacho Martínez de Xixón en 2009, o Premio Luis Buñuel en 2010 e, por fin, o Premio Nacional de Cinematografía en 2016. Á parte de traballar con Luis Buñuel, fixo o seu con Alain Tanner, Giuseppe Tornatore, Luigi Comencini, Ricardo Franco, Marco Bellocchio, Bigas Luna, Pedro Almodóvar, e os irmáns Taviani entre moitos outros cineastas.

Isaki Lacuesta

Escribiu e dirixiu nove longametraxes, un dos cales, Entre dos aguas, recibiu a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Entre outros premios á súa traxectoria, recibiu o Premio Nacional de Cinematografía da Generalitat de Catalunya (2012), o Premio Ciutat de Barcelona (2011), o Premio Sant Jordi (2002, 2017), e o Premio Eloy de la Iglesia (2010, Festival de Málaga). As súas películas proxectáronse en festivais de todo o mundo e en centros artísticos tan prestixiosos como o MOMA de Nova York, a National Gallery de Washington (que lle dedicou unha retrospectiva completa en 2013), o Lincoln Center e o Anthology Filme Arquives (Nova York). Realizou diversas curtametraxes e instalacións para exposicións e escribiu varios guións de longametraxes. Compaxina o cinema coa docencia (nos mestrados de documental da Pompeu Fabra e a Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros), e coa colaboración en diversos medios escritos escribindo artigos sobre cinema, música e literatura.

Antonio Durán, Morris

Actor de teatro, cinema e televisión, de poderoso virtuosismo mesmo para dotar de insólita humanidade aquelas personalidades patolóxicas que salpimentan a súa prolífica filmografía. No cine, participou en títulos como Celda 211, A Esmorga, Los lunes al sol ou Dhogs, mentres que na televisión lémbraselle por Fariña ou Pratos Combinados.