Skip to main content

Do 6 ao 29 de novembro de 2015

A vixésimo novena edición de Cineuropa celebrouse do 6 ao 28 de novembro en cinco salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia. Ese ano batéronse todas as marcas en canto a proxeccións, con 302 títulos incluídos en 21 seccións.

A gañadora do Premio do Público foi Frankenstein-04155, do galego Aitor Rei, unha imprescindible película documental que analiza as múltiples variables que influíron no fatal accidente do Alvia 04155 o 24 de xullo de 2013. A noite do 18 de novembro, os espectadores dun ateigado Teatro Principal outorgáronlle un 9,53 de puntuación.

2015 foi o ano de Arturo Ripstein e Miguel Gomes como Premios Cineuropa. O cineasta mexicano pasou varios días en Compostela debatendo e comentando a súa filmografía co público. Pola súa banda, Miguel Gomes fixo o propio co primeiro volume de As mil e uma noites tras a gala celebrada o venres 13.

Nesta edición houbo dous maratóns, un asociado á sección Roxos e Marcianos: A caza de bruxas en Hollywood; e outro, o tradicional maratón, composto polas seguintes películas: The final girls, de Todd Strauss-Schulson; Me quedo contigo, de Artemio Narro; Cub, de Jonas Govaerts; The girl in the photographs, de Nick Simon; Misterios de ultratumba, de Fernando Méndez; Sensational Janine, de Hans Billian; The gift, de Joel Edgerton; The world of Kanako, de Nakashima; e Alone in the dark, de Jack Sholder, como filme sorpresa.

Arturo Ripstein

Fillo do produtor Alfredo Ripstein, a súa infancia e mocidade transcorreron naturalmente ligadas ao cinema. Para converterse en cineasta, solicitaba aos directores o acceso ás rodaxes das súas películas. Así sucedeu con Luis Buñuel e con Chano Urueta, a quen considera o seu mestre. Escuro á vez que brillante, fascinante, obsesivo e amante da mellor literatura, Ripstein consolidou ao longo de 50 anos unha das carreiras máis persoais e viscerais do cine a nivel internacional. En Cineuropa sempre foi un dos habituais. En 2015, proxectamos unha retrospectiva de dez películas que se completou coa súa produción máis recente La Calle de la amargura, filme que tivo a súa premier mundial no Festival de Cine de Venecia.

Miguel Gomes

O cineasta Miguel Gomes naceu en Lisboa en 1972. Exerceu como crítico cinematográfico para Público durante varios anos, e en 2004 estreou a súa primeira longametraxe, A cara que mereces. No Festival de Cannes de 2008, a crítica acolleu con entusiasmo a súa segunda longametraxe, Aquele querido mês de agosto. Pero sería Tabú, a súa terceira longametraxe, premio Alfred Bauer e FIPRESCI na Berlinale de 2012, quen lle proporcionaría recoñecemento internacional. En 2015 estreou As mil e uma noites, un filme político en tres volumes que mostra o actual Portugal da austeridade, a crise e os tecnócratas a través da mirada da bela Sherezade. As mil e uma noites foi un dos filmes estrela da edición de 2015 de Cineuropa.