Skip to main content

Do 9 ao 30 de novembro de 2014

Entre o 9 e o 30 de novembro de 2014 celebrouse a vixésimo oitava edición de Cineuropa, composta de 234 filmes inseridos en 20 seccións. Esa edición incluíu o palmarés de Cannes case ao completo e o mellor de festivais como Róterdan, Venecia, Locarno, Berlín, Sundance ou San Sebastián. Tamén gozamos de grandes estreas galegas, como Las altas presiones, gañadora do Premio Novas Ondas no festival de Sevilla, ou as de A arca de Noé e A viaxe de Leslie, seleccionadas na Seminci.

Os flamantes premios Cineuropa do ano foron Bárbara Lennie, Paulo Branco e Nils Malmros. A actriz Bárbara Lennie viña de triunfar en San Sebastián con Magical girl, filme de Carlos Vermut que ateigou o Principal a noite da gala. O produtor Paulo Branco, unha das figuras máis eminentes do cinema europeo do último medio século, veu afianzar a súa complicidade con Cineuropa ao estar de novo no festival, despois da súa visita en 2012. Pola súa banda, o cineasta danés Nils Malmros compartiu tardes e películas cun público que recibiu a súa retrospectiva cos brazos abertos.

Emocionante tamén, e moi instrutiva, foi a tarde do 26 de novembro, cando Cineuropa contou con Marcos Martínez Merino e Marta Fernández Crestelo para presentar a estrea de Remine, el último movimiento obrero. A película cativou aos asistentes ata o punto de outorgarlle o 9,48 que a proclamou vencedora da 28ª edición.

Por último, no maratón do día 28 puidemos gozar ata ben entrada a mañá dos seguintes filmes: Why don’t you play in hell?, de Sion Sono; Backcountry, de Adam Macdonald; La tía Alejandra, de Arturo Ripstein; Wake in fright, de Ted Kotcheff; Goodnight mommy, de Severin Fiala e Veronika Franz; Family, de John Landis; Under the skin, de Jonathan Glazer (a obrigada película sorpresa); No way to treat a lady, de Jack Smight; e When a stranger calls, de Fred Walton.

Bárbara Lennie

Durante a súa traxectoria, toda unha carreira de fondo, Bárbara Lennie compaxinou os tres medios interpretativos: cine, televisión e teatro. Os filmes Los Condenados (Isaki Lacuesta, 2009), Mujeres en el parque (Felipe Vega, 2006), Todas las canciones hablan de mí (Jonás Trueba, 2010), La piel que habito (Pedro Almodóvar, 2011); as series Amar en tiempos revueltos e Isabel; e as obras teatrais La Función por hacer ou Veraneantes (coa que logrou o Max en 2012), son só algúns dos títulos que conforman o seu currículum. O 2014 foi un ano redondo para ela, encadenando a súa interpretación teatral en Misántropo coas exitosas estreas de Stella Candente, El Niño e Magical Girl (coa que acadaría o Goya).

Nils Malmros

Fillo dun recoñecido neurocirurxián danés, Nils Malmros decidiu seguir os pasos do seu pai, moi ao seu pesar, tras un infrutuoso intento de estudar Deseño. Aos 21 anos matricúlase na facultade de Medicina. Tardaría 22 anos e medio en licenciarse. De entre toda a súa filmografía, unha única película non parte das súas propias vivencias ou emocións: Barbara; por iso Malmros utiliza o termo Autoficción para clasificar o seu cine. A excepción da súa falida ópera prima, toda a súa filmografía foi proxectada en Cineuropa, é dicir, Lars Ole 5.C (1973), Boys (1977), Tree of knowledge (1981), Beauty and the beast (1983), Århus by night (1989), Pain of love (1992), Barbara (1997), Facing the truth (2002), Aching hearts (2009) e Sorrow and joy (2013).

Paulo Branco

Naceu en Lisboa en 1950. Oriéntase de maneira definitiva cara ao cinema en 1974, cando comeza a traballar no Cinema Olympic, con Frédéric Mitterrand. A súa carreira como produtor arrinca en 1979, traballando entre París e Lisboa. Até a actualidade produciu máis de trescentas películas. É o produtor que maior número de películas presentou en toda a historia dos festivais de Cannes e Locarno. Foi xurado internacional nos festivais de Berlín, de Venecia e de Locarno. Foi distinguido co premio como mellor produtor de Europa polo Parlamento Europeo (1999). Jacques Chirac entregoulle o recoñecemento como Oficial da Orde das Artes e das Letras da República Francesa.