Skip to main content

Do 8 ao 29 de novembro de 2013

Case duascentas películas foron as proxectadas en Compostela entre o 8 e o 29 de novembro de 2013, na que foi a vixésimo sétima edición de Cineuropa. Ese ano coñecimos a Jep Gambardella, protagonista de La grande bellezza de Sorrentino; contemplamos unha Costa da morte cargada de poesía grazas a Lois Patiño; e gozamos, en fin, co mellor cinema do ano, como a gañadora do Oso de Ouro en Berlín, Child’s Pose; a Cuncha de Ouro en San Sebastián, Pelo Malo; a vencedora do festival de Róterdan, My dog killer; ou o Premio do Público en Berlín, Alabama Monroe, que obtivo tamén o mesmo premio en Cineuropa.

O 16 de novembro entregóuselle o premio Cineuropa a José Sacristán, o primeiro dos tres galardoados. Tras a gala, Sacristán acompañounos á proxección de Madrid, 1987, dirixida por David Trueba e protagonizada por el. María de Medeiros, a segunda premiada da edición, ofreceunos un concerto o día 18 e a estrea do seu último traballo como directora, Repare bem (Os ollos de Bacuri), o día seguinte, xusto despois de recoller o seu galardón. O día 28 foi Albert Serra quen compartiu uns gozosos intres con nós. Tras a gala do premio, presentou Història de la meva mort filme que viña de gañar o Leopardo de Ouro no Festival de Locarno.

Por último, as curtas No tiene gracia e La carne cruda deron comezo ao maratón que clausurou o festival o día 29, que continuou coas longametraxes Mr. Vampire, Tony Manero, Moebius como película sorpresa La horripilante bestia humana, Un borghese piccolo piccolo, Halley, Alligator e Klip.

José Sacristán

José María Sacristán Turiégano naceu en Madrid el 27 de setembro de 1937 e comezou a súa carreira cinematográfica nos anos 60 do pasado século. A súa é unha filmografía profusa e profundamente representativa da historia española dos últimos 50 anos. Aínda que pareza incrible, Sacristán non recibiu un Goya ata 2012, grazas ao seu papel protagonista en El muerto y ser feliz, de Javier Rebollo, proxectada en Cineuropa ese mesmo ano. Polo demais, traballou con directores como Berlanga, Garci, Pedro Olea, Gonzalo Suárez, Adolfo Aristarain, Carlos Vermut ou Isaki Lacuesta, en definitiva, con todos os grandes.

Maria de Medeiros

Lisboeta de nacemento, a carreira de Maria de Medeiros Esteves Victorino d’Almeida tamén está fortemente ligada a Cineuropa. Puidemos vela xa, brevemente, na cuarta edición de Cineuropa en La lectrice, aquela pequena gran obra mestra de Michel Deville. Tivémola tamén na nosa pantalla en 1994 naquel duelo prodixioso xunto a Maribel Verdú de Huevos de oro, de Bigas Luna, e en El detective y la muerte, de Gonzalo Suárez. Naquela retrospectiva de 2004, dedicada ao gran Manoel de Oliveira, alí estaba tamén María, protagonista de A divina comedia e Porto da minha infância.

Albert Serra

Director e produtor de cine, Albert Serra é xa todo un referente no cinema de autor europeo contemporáneo. En 2006 pasou pola Quincena dos realizadores de Cannes con Honor de cavalleria, un libérrimo achegamento ao Quijote de Miguel de Cervantes. En Cineuropa estreou en 2013 Història de la meva mort, filme co que obtivo o Leopardo de Ouro no Festival de Locarno. No 2008 volvería a Cannes para presentar O cant dels ocells a súa terceira película. Na actualidade, Albert Serra vén de gañar o Festival de Xerusalén co seu último filme La mort de Louis XIV, protagonizado polo lendario Jean-Pierre Léaud.