Skip to main content

Do 8 ao 30 de novembro de 2012

Entre os días 8 e 30 de novembro de 2012, celebrouse a 26ª edición de Cineuropa. Amour, Like someone in love, Tabú, A noite de enfronte, The deep blue sea, Beast of the Southern Wild e Holy Motors, xunto co último de Resnais, Oliveira, Ferrara, Cantet ou Bellocchio foron parte dos contidos que nos ofreceron ese ano as pantallas do Teatro Principal, do Salón Teatro, do Auditorio de Galicia e do CGAC. Foi tamén o ano no que as estreas galegas de Arraianos, de Eloy Enciso, e A cicatriz branca, de Margarita Ledo, ateigaron un expectante Principal.

The hunt, de Thomas Vintenberg, gañou o Premio do Público. O seu protagonista, o danés Mads Mikkelsen, viña de recibir o premio ao mellor actor en Cannes.

Najwa Nimri e Pedro Costa obtiveron os Premios Cineuropa da edición. A cantante e actriz aproveitou a ocasión para deleitarnos co concerto Íntimo & Acústico o día 24. Pola súa banda, tras a gala dedicada ao iconoclasta e anovador Pedro Costa do día 16, proxectouse Centro Histórico, un filme dirixido por Costa e por outros tres mestres do cinema europeo: Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Manoel de Oliveira.

O maratón, celebrado o día 30, comezou coa curtamextraxe Lvoluten Osken e continuou con The cabin in the woods; La estaca del vampiro, Citadel, Compliance, Ghost Story, 4:44 Last Day on earth, La araña vampiro, Torture Garden, e unha película sorpresa que resultou ser El ataúd del vampiro.

Najwa Nimri

Comezou como rebelde con causa dun cinema valente e coraxudo que facían un grupo de mozos vascos, un cinema convulso e indisociable do contexto social da Euskadi dos 90. Posúe catro nomeamentos aos Goya: dous polos seus papeis en Los amantes del Círculo Polar e por Lucía y el sexo, ambas dirixidas por Julio Médem, e outros dous pola música de dúas películas de Daniel Calparsoro, Asfalto e Guerreros. Actuou ás ordes de Icíar Bollaín (en dúas ocasións), de Gonzalo Suárez (en Oviedo Express), do arxentino Marcelo Piñeyro en El método e de Eduardo Chapero-Jakson en Verbo.

Pedro Costa

A filmografía do portugués Pedro Costa está ineludiblemente ligada ao barrio lisboeta de Fontainhas. Alí pasou de cineasta post punk a un estilo vangardista máis depurado. Con No cuarto de Vanda (2000) acadou o Premio France Culture ao mellor cineasta estranxeiro do ano no Festival de Cannes 2002. Pero o seu apoxeo chegou con Juventude en marcha, filme que entrou na sección oficial de Cannes e que supuxo o seu recoñecemento internacional. O mito deste iconoclasta seguiu medrando. No mesmo barrio de Fontainhas rodou Cavalo Dinheiro, proxectada en Cineuropa no 2014 e premio ao mellor director no Festival de Locarno.