Skip to main content

Do 4 de novembro ao 2 de decembro de 2009

Cineuropa comezou a súa XXIII edición coa estrea de A cinta branca, película coa que Michael Haneke obtivo a Palma de Ouro no Festival de Cannes 2009. Foron 158 filmes os proxectados entre o 4 de novembro e o 2 de decembro en catro sedes: o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia e a Sede da Fundación Caixa Galicia. Miguel Gomes, Manoel de Oliveira, Carlos Saura, Takeshi Kitano, Isaki Lacuesta, François Ozon ou Costa-Gavras, son só algúns dos cineastas cos que puidemos gozar.

Mabel Rivera e Fernando Trueba foron os dous premios Cineuropa da edición. Mabel presentou Unha lousa sobre o Courel e O salario do silencio, os dous reivindicativos proxectos documentais que produciu e levou adiante con Henrique Banet. Pola súa banda, Fernando Trueba, todo un clásico do cinema español, estreou en Cineuropa El baile de la victoria.

A conmovedora Buscando a Eric obtivo o Premio do Público. Foi o terceiro galardón deste tipo acadado polo seu director, Ken Loach, que se convertía así no gañador de gañadores do festival.

O venres 27 de novembro chegou o tradicional maratón, composto de sete películas: Un chico raro, de Javi Camino; The dentist, de Brian Yuzna; Antichrist, de Lars von Trier; Lesbian vampire killers, de Phil Claydon; The descent, de Neil Marshall; Ilsa, she wolf of the SS, de Don Edmonds; e para o final, unha película sorpresa.

Mabel Rivera

Tras anos de traballo incansable na televisión de Galicia, Mabel Rivera acadou recoñecemento internacional co seu traballo en Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, filme polo que obtivo o Goya á mellor interpretación feminina de reparto. Activa e combativa, en 2007 lanzouse á produción de O salario do silencio e Unha lousa para o Courel, dous traballos comprometidos co noso medio ambiente e as políticas que o xestionan. Na actualidade Mabel compaxina a interpretación, a dobraxe e a produción co seu labor no padroado da Fundación Galicia Verde, unha entidade sen ánimo de lucro da que foi fundadora, que ten como principal obxectivo promover un desenvolvemento rural máis xusto e sustentable.

Fernando Trueba

Con 16 longametraxes no seu haber, o madrileño Fernando Trueba é todo un clásico do cine español. A primeira rodaxe da súa vida tivo lugar aquí, en Galicia, foi O cadaleito (1976), unha adaptación do relato de Ánxel Fole con dirección de Enrique Baixeras na que exerceu precisamente de asistente de dirección. Pero o seu debut oficial foi en 1980 coa aclamada longametraxe Ópera prima. Como director, guionista ou produtor, leva recollidos máis de 9 Goyas e aquel famoso Oscar por Belle Époque que lle dedicou a Billy Wilder. Despois de El baile de la victoria, estreada en Cineuropa, viñeron Chico y Rita (que foi candidata aos Oscar), El artista y la modelo, y La reina de España, de próxima estrea.