Skip to main content

Do 4 de novembro ao 3 de decembro de 2008

Unha película rodada integramente en Compostela, A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, inaugurou a XXII edición de Cineuropa, celebrada entre os días 4 de novembro e 3 de decembro de 2008. Foi toda unha declaración de intencións xa que, por vez primeira, se dedicou toda unha sección de máis de 100 pezas cinematográficas ao emerxente sector audiovisual galego.

Dous foron os cineastas premiados aquel ano, o arxentino Pablo Trapero e o catalán Jaime Rosales. O día 15 celebrouse a entrega do premio Cineuropa a Jaime Rosales, que aproveitou para presentar no festival a súa última obra Tiro en la cabeza, premio Fipresci no Festival de San Sebastián. Pola súa banda, Trapero recibiu o seu galardón o día 19, previamente á proxección de Leonera, película que viña de ser nomeada á Palma de Ouro no Festival de Cannes.

A gañadora do premio do público foi Kirschblüten-Hanami (Cerdeiras en flor), de Doris Dõrrie, longametraxe que cun 8,3 desbancou do primeiro posto a A onda, de Dennis Gansel, que ficou nun 8,2. Unha dás películas sorpresas da edición foi Il Divo, de Paolo Sorrentino, Gran Premio do Xurado en Cannes. A outra, a do maratón, agardamos que nola desvele calquera dos nosos cinéfilos lectores.

Por último, sete foron as películas do maratón, que baixo o título de Carne clausurou o festival o día 3 de decembro: May, de Lucky McKee; Peeping Tom, de Michael Powell; Shortbus, de John Cameron Mitchell; Carne, de Armando Bo; Supervixens, de Russ Meyer; Gojitmal (Mentiras), de Sun-Woo Jang; e The addiction, de Abel Ferrara.

Jaime Rosales

Con cinco longametraxes no seu haber, Jaime Rosales ten acadado o respecto e a admiración da crítica cinematográfica internacional. Con Las horas del día, obtivo o Premio da Crítica Internacional na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. En 2007 estreou a súa segunda longametraxe, La soledad, coa que mereceu o premio a mellor filme e mellor director na XXII edición dos Premios Goya. No Festival de Cine de Donostia 2008 presentou Tiro en la cabeza, cinta coa que gañou o Premio Fipresci ao mellor filme. E co seu último filme, Hermosa Juventud triunfou en Cannes 2012 gañando a Sección oficial (Un Certain Regard).

Pablo Trapero

Pablo Trapero naceu en Ramos Mejía, provincia de Bos Aires, en 1971, e realizou os seus estudos como director na Universidade de Cine (FUC) da capital arxentina. En 1999 estreou a súa primeira longametraxe en solitario, Mundo grúa, que arrasou por todos os festivais por onde pasou acadando os mellores premios. Logo de realizar El Bonaerense funda a produtora Matanza Cine, coa que non só financia os seus propios filmes, senón que impulsa producións arriscadas e anovadoras do novo cinema arxentino. Co seu último filme, El clan, obtivo o León de Prata ao mellor director.