Skip to main content

Do 6 novembro ao 3 de decembro de 2007

Entre o 6 de novembro e o 3 de decembro de 2007, desenvolveuse a XXI edición de Cineuropa. Ese ano puidemos gozar das últimas estreas de grandes nomes —e vellos coñecidos— como Paul Auster, Ken Loach, Claude Chabrol, Carlos Saura ou Alain Resnais, entre moitos outros.

Tres foron os premiados esa edición: os cineastas Vicente Aranda e José Luis Guerín, e a actriz e cantante Jane Birkin. A entrega do premio Cineuropa a Vicente Aranda celebrouse o 15 de novembro. O director acudiu acompañado de Flora Martínez e Eduardo Noriega para presentar Canciones de amor en Lolita’s Club, película que os dous actores protagonizaban e que se estreaba no festival. José Luis Guerín foi o segundo premiado da edición, nunha gala que se celebrou o 21 de novembro, xusto antes da proxección de En la ciudad de Sylvia, que fora nomeada ese ano ao León de Ouro no Festival de Venecia. O 2 de decembro, por fin, entregouse o terceiro premio Cineuropa a Jane Birkin que presentou Boxes, a súa opera prima como directora.

De entre as 113 películas proxectadas ese ano, The edge of heaven, de Faith Akin, resultou ser a gañadora do certame, un filme duro e conmovedor que logrou o premio ao mellor guión no Festival de Cannes 2007.

Por último, oito foron as películas do maratón que baixo o título de Cine Bizarro puxo fin á XXI edición: Deliverance, de John Boorman; The devils, de Ken Russell; The honeymoon killers, de Leonard Kastle; Taxidermia, de György Pálfi; Tideland, de Terry Gilliam; Spoorloos (Desaparecida), de George Sluizer; Santa sangre, de Alejandro Jodorowsky; e Dumplings, de Fruit Chan.

Vicente Aranda

O director e guionista Vicente Aranda (1926-2015) foi un dos grandes representantes do cinema español. Aínda que xa dirixira La novia ensangrentada ou La muchacha de las bragas de oro, os seus maiores éxitos tiveron lugar nas décadas dos 80 e 90, con Asesinato en el Comité Central, El Lute e, sobre todo, Amantes, coa que conseguiu os Goya á mellor película e director, e o Oso de Prata á mellor actriz en Berlín para Vitoria Abril. Outras películas súas son El amante bilingüe, La pasión turca, Libertarias ou Juana la loca.

José Luis Guerín

Nacido en Barcelona en 1960, José Luis Guerín comezou a traballar no cine durante os anos 70, realizando pequenos traballos experimentais en diversos formatos. A súa primeira longametraxe foi Los motivos de Berta, onde xa daba mostras dunha particular poética influenciada pola mellor tradición autoral europea. Seguiríanlle Tren de sombras (Premio da Crítica en Sitges 1997), En construcción (Goya ao mellor documental e Premio Especial do Xurado en San Sebastián), En la ciudad de Sylvia (nomeada ao León de Ouro en Venecia), ou La academia das musas, que puidemos ver, comentada polo propio Guerín, na edición número 29 de Cineuropa.

Jane Birkin

Nada en Londres en 1946, Jane Birkin debutou como actriz aos 17 anos. A súa aparición en Blow-Up, de Antonioni; converteuna en toda unha celebridade na escena londiniense. En 1967 trasladouse a Francia, onde continuou desenvolvendo a súa carreira como actriz e iniciando a musical. Traballou con directores como Jacques Deray, Roger Vadim ou Alain Resnais. En 2007 realizou Boxes, a súa primeira longametraxe como directora, que puidemos gozar en Cineuropa.