Skip to main content

Do 4 ao 10 de decembro de 2004

A edición do 2004, na que o festival alcanzou a maioría de idade, caracterizouse por ser a máis longa. Aínda hoxe mantén esa marca. Head on (Contra a parede), de Fatih Akin, abriu a programación o 4 de novembro e, aínda que o maratón se celebrou o habitual día 30, Cineuropa prolongouse 10 días máis para dedicarlle un ciclo monográfico ao cineasta premiado ese ano: Manoel de Oliveira. En total proxectáronse 94 películas.

O lonxevo e prolífico director luso recolleu o 8 de novembro o seu premio Cineuropa, galardón outorgado en recoñecemento “a unha carreira fiel, na que non se fixo concesión ao cinema comercial e na que se presta especial atención á reflexión”. Tras a gala proxectouse O quinto império, filme dirixido por Oliveira nese ano 2004.

A película Os mozos do coro, de Christophe Barratier, obtivo o premio do Público nunha edición de altas puntuacións e disputada ata o último momento. Un bico cariñoso, de Ken Loach; e A vida é un milagre, de Emir Kusturica; quedaron a tan só sete décimas da película de Barratier.

Por último, sete foron os filmes proxectados a noite do cine do día 30, no maratón: One missed call, de Takashi Miike; Dead End, de Jean-Baptiste Andrea e Fabrice Canepa; The eye 2, de Oxide Chun Pang e Danny Pang; American Crime, de Dan Mintz; Audition, de Takashi Miike; Visitors, de Richard Franklin; e Das Testament der Dr. Mabuse, de Fritz Lang.

Manoel de Oliveira

Nado en O Porto en 1908, e falecido en 2015 aos 106 anos, Manoel Cândido Pinto de Oliveira foi o director de cinema portugués máis prolífico e internacionalmente recoñecido. Xa desde mozo mostrou o seu gusto polo cinema intervindo como actor en máis dun filme. O pintor e a cidade (1956), Acto de primavera (1963), Un filme falado (2003) ou O estranho caso de Angélica son só catro títulos dunha filmografía composta de máis de 60 películas. En 2004 Cineuropa dedicoulle un ciclo en colaboración co Centro Galego de Artes e Imaxe (CGAI) e a Universidade de Santiago, que incluíu a publicación dun libro sobre o cineasta.