Skip to main content

Do 4 ao 28 de novembro de 2003

Entre os días 4 e 28 de novembro de 2003 celebrouse a décimo sétima edición de Cineuropa. Foron 79 as películas proxectadas ese ano no Teatro Principal e o Salón Teatro, desde grandes clásicos ás máis recentes novidades. O festival foi inagurado con Dogville, de Lars Von Trier, película que fascinou ao público ata o punto de proclamala gañadora. Dogville compartiu pantalla con As invasións bárbaras, de Denys Arcand; Samsara, de Pan Nalin; Osama, de Siddiq Barmak; In this world, de Michael Winterbottom; Good Bye, Lenin!, de Wolfgang Becker; Elephant, de Gus Van Sant (película sorpresa desa edición) e moitas outras mostras de calidade que incluíron cinema galego e películas de directores xa clásicos como Jacques Tati, Yasujiro Ozu ou Jacques Rivette.

O premio Cineuropa dese ano otorgouse ao cineasta Bigas Luna, en recoñecemento á súa poética e transgresora filmografía e pola súa sorprendentemente adaptación multimedia das Comedias Bárbaras de Valle-Inclán. Tras a entrega do premio, o día 21, proxectouse La camarera del Titanic.

A noite do venres 28 celebrouse esa festa do cine que é o maratón de Cineuropa. Baixo o atraente título de O sexo que fala, desfilaron pola pantalla do Principal Ken Park, de Larry Clark e Ed Lachman; Happiness, de Todd Solondz; Hedwig and the angry Inch, de John Cameron Mitchell; Golfos y picardías de antaño, de Michel Reilhac; Hustle White, de Bruce La Bruce e Rick Castro; Requiem for a dream, de Darren Aronofsky; e Irreversible, de Gaspar Noé.

Bigas Luna

O barcelonés Josep Joan Bigas Luna (1946-2013) comezou a súa carreira cinematográfica nos anos 60. En 1976 realizou a súa primeira longametraxe, Tatuaje, que non se estrearía ata 1979. Durante esa década rodou tamén as controvertidas Bilbao (seleccionada para o Festival de Cannes) e Caniche. O recoñecemento do gran público chegoulle na década dos 90 con títulos como Jamón, jamón (León de Prata do Festival de Venecia), Huevos de oro e La teta y la luna. Logo virían La camarera del Titanic, Son de mar ou Yo soy la Juani, entre outros títulos, todos eles caracterizados pola erótica e esteticista poética do seu autor.