Skip to main content

Do 3 ao 30 de novembro de 2002

A décimo sexta edición de Cineuropa desenvolveuse entre o 3 e o 30 de novembro de 2002. Ao teatro Principal sumáronselle dúas novas sedes: o Salón Teatro e o Centro Sociocultural de Fontiñas e entre as tres proxectáronse 86 títulos. A película que deu o pistoletazo de saída foi Bloody Sunday, de Paul Greengass, gañadora do Oso de Ouro do festival de Berlín. Cine socialmente comprometido para unha edición reivindicativa na que os espectadores actuaron en consecuencia outorgándolle o premio do Público a Amén, de Costa-Gavras, un filme denuncia do indolente (e cómplice) silencio do Vaticano ante o Holocausto.

O premio Cineuropa desta edición foi para o actor arxentino Federico Luppi, en recoñecemento a unha vida e unha carreira caracterizadas pola “utopía, a solidariedade e a reivindicación”. A gala celebrouse o día 8 de novembro, xusto antes da proxección de El último tren, de Diego Arsuaga, película que lle valeu a Luppi o premio ao mellor actor da Seminci dese mesmo ano.

Baixo o suxestivo título de Alucinema, o maratón do 30 de novembro clausurou a décimo sexta edición de Cineuropa coas seguintes películas: Arrebato, de Iván Zulueta; Braindead, de Peter Jackson; La semilla del diablo, de Roman Polanski; The Rocky horror picture show, de Jim Sharman; Justino un asesino de la tercera edad, de Santiago Aguilar e Luis Guridi; El hombre elefante, de David Lynch; Eraserhead (Cabeza borradora), do mesmo Lynch; e El increíble hombre menguante, de Jack Arnold.

Federico Luppi

Nado en 1936 na provincia de Bos aires, Federico José Luppi Malacalza pasou por varios traballos antes de probar sorte coa interpretación. O seu nome asociouse principalmente ao doutro arxentino ilustre, Adolfo Aristarain, con quen traballou en catro películas inesquecibles: Un lugar en el mundo, La ley de la frontera, Martín (Hache) e Lugares comunes. Pero tamén actuou con directores da talla de Guillermo del Toro, Agustín Díaz Yáñez, John Sayles, Eduardo Mignogna ou Gerardo Herrero. Ao longo da súa prolífica carreira, Federico Luppi obtivo numerosos recoñecementos, entre os que destacan varias candidaturas aos Goya e unha Cuncha de Prata no Festival de San Sebastián.