Skip to main content

Do 29 de outubro ao 15 de novembro de 1991

Nos habíamos querido tanto, de Ettore Scola, gañadora do Premio do Público en 1990, encargouse de dar o pistoletazo de saída ao quinto Cineuropa. Foi a noite do 29 de outubro de 1991 no cine Yago. Mentres, no Teatro Principal, o Nosferatu de Murnau preludiaba unha terrorífica programación. E é que, nesta edición dedicouse toda unha sección á máis soada produtora de cinema de terror, a Hammer, baixo a denominación de A Hammer: unha casa común? Este ciclo xunto a Homenaxe a Álex North ou o dedicado ao Cinema Independente Norteamericano, compartiron cartel cos xa estables Sección Oficial, Panorama Internacional e Cinefilias.

En 1991 foron 73 os títulos proxectados, de cineastas tan egrexios como Zhang Yimou, Jean-Paul Rappeneau, Eduardo Campoy, Bertrand Tavernier, Ricardo Franco ou Ingmar Bergman, entre moitos outros. A última actuación cinematográfica de Giulietta Masina, Hoy quizá, dirixida por Jean-Louis Bertuccelli, destacou como favorita do público.

O 15 de novembro rematou este quinto Cineuropa co tradicional maratón, formado por oito filmes: El huevo de la serpiente, de Ingmar Bergman, El enigma del hechicero, de Bob Hoskins, Splendor, de Ettore Scola, A solas contigo, de Eduardo Campoy, La pasión solitaria de Judith Hearne, de Jack Clayton, La blanca paloma, de Juan Miñón, Escándalo, de Michael Caton-Jones, e… a primeira película sorpresa do festival!