Nos tempos máis desapracibles a cultura é ese territorio aramado mentres se estende o cerco ao redor. Manter Cineuropa neste novembro hostil era unha necesidade imperiosa. Se o festival tivo nestes 33 anos algo que ver en dulcificar o preludio do inverno, como non estar agora con vostedes para tender pontes de prata ou expandir burbullas que reivindiquen a capacidade da ilusión ou da evasión, xusto cando se nos parece negar o dereito a permutar a fea realidade ou a capacidade dunha paréntese de fuxida no medio da incerteza en escalada?

Considerabamos esencial que Cineuropa manteña iluminada a súa pantalla cando tantas luces se apagan. Non é científico afirmar que a cultura, que o cinema, os teatros, as salas de concerto, salvan vidas. Si me atrevería a dicir que preservan unha parte do mellor delas. E fano nuns espazos –esas burbullas das que lles falaba— que se demostraron manifestamente seguros. Desde que o 1 de setembro, o Festival de Venecia se atreveu a abrir os seus escenarios, as salas de cinema –coas estritas medidas sanitarias de desinfección e espazo interpersoal— puideron crecer na demostración empírica de que non se coñecen brotes derivados das súas proxeccións. É infinitamente máis aséptica unha sala de cinema que un ascensor. E hai que reivindicar esa capacidade do cinema e da pantalla grande tamén como refuxios onde soñar e curar receos.

#Cineuropa34

Este Cineuropa foi deseñado para que manteña a súa esencia, para que perdure durante dezasete días cunha programación que non é de continxencia senón de altos voos. Son case un centenar de películas que nos ilusionan de maneira extrema, que esparexan a súa forza e a súa enerxía vital entre vostedes. Este ano feo deparou –paradoxalmente— moita beleza en obras que non poden agardar para acompañalas e acompañalos. A práctica incomparecencia de Hollywood e a súa mercadoría –non esqueceremos como cando o seu apoio ás salas era máis necesario que nunca, a Disney ou o último Bond da Metro se encolleron para non deixar de gañar nin a metade de tres peniques, de acordo á máis mesquiña cegueira ultracapitalista—permitiu que outras cinematografías puidesen ocupar espazos. Este ano hai en Cineuropa películas de inusitada grandeza procedentes de Indonesia, de Costa do Marfil, de Corea do Sur, Xapón, China, México, Chile, Brasil, Irán ou Palestina. Agardan por vostedes as últimas creacións de grandes firmas autorais e xa vellos coñecidos deste festival como Kiyoshi Kurosawa, Christian Petzold, Thomas Vinterberg, Isabel Coixet, Cristi Puiu ou Michel Franco. E retornan Premios Cineuropa como Arturo Ripstein ou Fernando Trueba.

Atoparanse coas películas que marcaron o ano nos grandes festivais: DAU. Natasha, Nuevo orden, Beginning, La nuée ou El año del descubrimiento.

Pero tamén é unha edición para descubrir os novos realizadores que asaltaron os ceos á primeira: atención a esas 16 primaveras de Suzanne Lindon, actriz, guionista, directora e ata coreógrafa, en todo debutante e en cada caso con virtuosismo. É o ano das directoras: ata 16 nas seccións oficiais.

Presentar todo este caudal de cinema aquí, sementar a rúa Nova en novembro, como cando eramos felices, tratábase dun deber. Seu e noso. E por que non intentar, cando menos, arrincar anacos de felicidade nova e da de sempre deses fulgores que a pantalla grande vai expandir durante estes días. Reunámonos en ilusións, aos pouquiños. Deixen que a butaca de Cineuropa –como se estivera a sala chea- os arrole como nas mil e unha noites. Van estar ben coidados. Volvemos en novembro porque nunca nos fomos. Compartamos e gocemos deste Cineuropa. Pero non coma se fose o último. O vindeiro ano, á mesma hora. E a pleno pulmón.

José Luis Losa
Director de #Cineuropa34

Equipo

ALCALDE DE SANTIAGO
Xosé A. Sánchez Bugallo
CONCELLEIRA DE ACCIÓN CULTURAL
Mercedes Rosón Ferreiro
DIRECTOR
José Luis Losa
PRODUCIÓN
Alejandra Trelles
COORDINACIÓN DE PROGRAMACIÓN
Ana Gontad
EQUIPO DE PROGRAMACIÓN
José Luis Losa
Daniel Gascó
Alejandra Trelles
PROGRAMACIÓN PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO
Ana Gontad
José Luis Losa
Alejandra Trelles
COMUNICACIÓN
Míriam Louzao Fernández
REDES SOCIAIS
Ana Gontad
Bárbara Santos
DESEÑO GRÁFICO E WEB
The Office Comunicación
LOXÍSTICA E TRÁFICO DE COPIAS
Aldara Pagán
COORDINACIÓN ACTIVIDADES PARALELAS
Bárbara Santos
PRESENTADOR GALAS E PREMIOS
Moncho Lemos
VÍDEOS PREMIOS CINEUROPA
Alberte Branco
Sergio Santacreu
EDICIÓN E TRADUCIÓN DE SUBTÍTULOS
Iria Pérez
Estefanía Muñoz
RESPONSABLE DE SALA SALÓN TEATRO
Fran Veiga
RESPONSABLE DE SALA CINEMA NUMAX
Xan Gómez
PROXECCIONISTAS
Miraxe Soc. Coop. Galega
Numax
ATENCIÓN AO PÚBLICO
Atlantic Ponte
DIRECTORA-XERENTE EN FUNCIÓNS AUDITORIO DE GALICIA
Silvia Modia
GABINETE TÉCNICO AUDITORIO DE GALICIA
David Areán
Chus Busto
Míriam Louzao
Carlos Millán
Ángeles Otero
Ana Parga
Ángela Pereira
GABINETE TÉCNICO TEATRO PRINCIPAL
Xesús Amado
Ana Rello

O autor do deseño e fabricación das pezas dos Premios Cineuropa é o escultor Francés.