Skip to main content

A homenaxe ao cineasta galego Alberte Pagán, que recibe nesta 35a edición do festival un dos Premios Cineuropa, era unha débeda directa coa historia da nosa cinematografía. Ninguén como Pagán para ilustrar unha corrente experimental tan antiga (e tan renovadora ao mesmo tempo) como o mesmo cinema. Facer un recoñecemento á súa filmografía é unha posta en valor dese cinema libre que exerce como contrapunto deses totalitarismos nos que este ano queremos poñer o foco. Este domingo día 14 de novembro ás 17.30 h no Museo das Peregrinacións teremos a oportunidade de coñecer máis en profundidade o seu xeito de entender o cinema nunha sesión que aglutina unha mostra retrospectiva con algúns dos seus títulos máis significativos e unha clase maxistral que afondará na súa forma de vivir esta arte. 25 de Julho (Máscara), Benposta (Peneira), Dolores, Faustino 1936, Flora e Fauna, Película urgente por Palestina e Walsed son os filmes que poderemos ver na primeira parte da sesión.

A tarde deste domingo tamén teremos a oportunidade de conversar por última vez nesta edición co cineasta Javier Marco (gañador dun Goya pola súa curta A la cara) sobre a súa ópera prima Josefina, filme sobre soidades encontradas que protagonizan Emma Suárez e Roberto Álamo que se poderá ver no Teatro Principal ás 17 h El nadador, da realizadora e guionista uruguaia Gabriela Guillermo despídese tamén de Cineuropa á mesma hora pero na sala Numax. Guillermo adapta a novela homónima de Hiber Conteris nun prodixioso mosaico de imaxes que se integran por medio da montaxe e a voz en off que materializa o relato. Este domingo ás 21.30 h no Teatro Principal celebrarase a estrea do premio Un Certain Regard no Festival de Cannes. Moneyboys, ópera prima de C.B. Yi, é un filme pouco común que representa a homosexualidade en China con gran sensibilidade e calidez. Outras das grandes novidades da xornada será Benediction, un novo traballo do británico Terence Davies que reafirma esa sensibilidade infinita coa que tanto gozamos e aprendemos neste festival. Benediction, que foi distinguido co premio ao mellor guión no Festival de San Sebastián, terá o seu primeiro pase ás 19 h no Teatro Principal.

A salientar tamén o primeiro filme da actriz francesa Noémie Merlant, protagonista, entre outras, de Retrato dunha muller en chamas. Merlant dirixe Mi iubita, mon amour, un filme cheo de encanto sobre unha historia de amor a primeira vista que pon no foco sobre dela como unha cineasta á que seguir. Para non perder é o último pase do filme Libertad, primeiro filme da ata agora guionista Clara Roquet que foi estreado en Cannes e que inaugurou a recente Seminci de Valladolid. A cita con ese luminoso “coming of age” que é Libertad será ás 19.15 h no Teatro Principal.

Por último, tamén convén destacar o primeiro pase da última xoia do xaponés Mamoru Hosoda, un filme de animación que fará as delicias do público máis miúdo e, de seguro, tamén do adulto. Belle, filme que representa a sección Cineuropa Miúda, estrearase no Salón Teatro este domingo 14 ás 16.30