Skip to main content

O actor Javier Gutiérrez recibe o primeiro dos Premios Cineuropa desta 34ª edición
  • A homenaxe a Gutiérrez terá lugar ás 20 h. no Teatro Principal
  • Ademais, contaremos coa presenza de Javier Rioyo, que conversará co público sobre o seu último documental, ‘Ángeles con espada’

A primeira das homenaxes nesta edición de eminente sabor galego terá lugar este sábado 14 para celebrar a traxectoria de Javier Gutiérrez. Este galego de adopción que foi distinguido con dous premios Goya polos seus traballos en La isla mínima (2014) e El autor (2017), pecha o círculo que el mesmo abriu hai tres anos, cando lle entregou o Premio Cineuropa ao cineasta Manuel Martín Cuenca. Esta vez, Cineuropa premia o seu infatigable traballo, sempre capaz de transmitir veracidade a través de cada unha das personaxes que interpreta. Gutiérrez recibirá a súa homenaxe este sábado 14 ás 20 h. no Teatro Principal. ‘El olivo’ será o filme que poña o broche de ouro ao evento. Icíar Bollaín asina esta agradable comedia non exenta de crítica social sobre unha singular traxedia familiar.

Podes ler o resumo sobre Javier Gutiérrez na sección Premios Cineuropa da nosa web.

Ángeles con espada

Así mesmo, este sábado contaremos coa presenza de Javier Rioyo, periodista, director do Instituto Cervantes en Tánxer e autor de documentais como Asaltar los cielos e Extranjeros de sí mismos, ambas xunto a José Luis López Linares, ou A propósito de Buñuel. Rioyo visita Cineuropa para presentar o seu último documental, Ángeles con espadas, que analiza a historia e construción da particular obsesión de Franco: o Val dos Caídos. Un percorrido por unha historia de escravos, de soños megalómanos do quen se consideraba salvador da fe e da patria, as axudas que recibiu, o negocio que propiciou e o malgasto dunha construción multimillonaria nun país devastado. A estrea do filme terá lugar en Numax ás 20 h.

Outros filmes

A sesión matinal do Teatro Principal, que dará comezo ás 12:30 h., estará especialmente dirixida ao público infantil. O filme, que integra a sección Cineuropa Miúda, é Calamity, un excelente western iniciático e feminista que narra a infancia da exploradora Calamity Jane. Ás 17 h. no mesmo teatro dará comezo Nowhere special, unha dura e tenra historia dirixida por Uberto Pasolini que vén de gañar o premio do público na Seminci de Valladolid. O resto da programación da xornada, que inclúe atractivos filmes de terror como Impetigore (Salón Teatro ás 17 h.) ou biopics como Miss Marx (Salón Teatro ás 19:45 h.) está dispoñible na web cineuropa.gal.