• O xoves día 12 o festival recibirá a Alfonso Zarauza para conversar sobre o vínculo entre a súa obra e a cidade de Compostela.
  • O luns día 16, Margarita Ledo realizará a presentación do libro ‘De Illas e Sereas’.
  • As sesións de curtametraxes galegas será retransmitidas en directo vía ‘streaming’.

Este xoves día 12, Cineuropa celebrará a primeira das actividades paralelas programadas polo festival. Trátase do encontro co compostelán Alfonso Zarauza, un dos Premios Cineuropa desta 34ª edición, que terá lugar o xoves día 12 ás 19 h. O cineasta falará sobre o vínculo da súa obra coa cidade de Santiago de Compostela. A actividade será retransmitida en directo pola canle de YouTube de Compostela Cultura e estará aberta ás preguntas do público.

Alfonso Zarauza é un dos directores galegos cunha das traxectorias máis longas e prestixiosas na actualidade. Como director realizou tres longametraxes de ficción que cultivaron premios internacionais, un documental, seis curtametraxes, dúas series de ficción e máis de vinte videoclips e pezas experimentais. Nesta 34 edición de Cineuropa, poderemos ver a súa última longametraxe: Ons.

A súa filmografía está fortemente vinculada a Santiago de Compostela, cidade que sabe plasmar con toda a súa beleza e singularidade. Zarauza filmou en Compostela a súa ópera prima, A noite que deixou de chover (2008), varias curtas e dúas longametraxes: Encallados (2013) e A viaxe dos Chévere (2014).   

 

Presentación do libro ‘De illas e sereas’

O festival acollerá o vindeiro luns 16 a presentación do libro De Illas e Sereas, a cargo da súa coordinadora Margarita Ledo Andión. Neste terceiro volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega, publicado polo Grupo de Estudos Audiovisuais en colaboración coa Editorial Galaxia, as autoras e autores analizan os filmes galegos que chegaron ás pantallas no último ano ou aqueles que están aínda en construción, xunto con aquelas pezas que adoitan pasar desapercibidas para o público por navegar fóra dos roteiros máis transitados, buscando outras formas de expresión.

A catedrática da USC Margarita Ledo Andión coordina de novo esta exploración na que tamén participan «á marxe de servidumes académicas e desde a crítica aos modos obsoletos de pensar nas películas» Fernando Redondo Neira, Cibrán Tenreiro Uzal, Alberte Pagán, Antía López Gómez, José Luis Castro de Paz, Pablo Súarez-Mansilla e Marta Pérez Pereiro. Marta Pérez e Fernando Redondo acompañarán a Margarita Ledo no acto de presentación, que terá lugar o vindeiro luns 16 ás 18 h. e será tamén retransmitido en directo a través da canle de YouTube de Compostela Cultura.

Proxección en streaming da primeira sesión de curtametraxes galegas

Os cineastas Pablo Vázquez e Lara Alonso visitarannos o venres para presentar as proxeccións do seus traballos, ambos os dous relacionados co cine, pero desde diferentes perspectivas. The death: el reencuentro é o título da curtametraxe de Pablo Vázquez, quen participou hai dous anos en Cineuropa presentando Cuna de músicos. Neste novo traballo, o cineasta vigués rememora vellos tempos cando, xunto cos seus amigos da infancia gravaron unha saga de filmes de terror titulada The death. O documental é unha homenaxe ás amizades da nenez e á inocencia do cinema caseiro feito por pura diversión. Pola súa banda, Lara Alonso presenta Onde estamos nós, un documental feminista, de carácter testemuñal, que ten como obxectivo visibilizar a obra audiovisual dalgunhas das directoras máis recoñecidas do ámbito galego, como a propia Margarita Ledo Andión, figura esencial neste 34 Cineuropa, Noemí Chantada, Lucía Estévez, Anxos Fazáns, Xisela Franco ou Olga Osorio. A cita con Lara Alonso e Pablo Vázquez será en NUMAX ás 16 h. A proxección será retransmitida de xeito simultáneo a través da canle de Youtube de Compostela Cultura.

Lembra que podes ver en directo ou consultar máis adiante os encontros a través da canle de Youtube de Compostela Cultura.