Skip to main content
  • O Teatro Principal acollerá a homenaxe á cineasta, académica e catedrática este mércores 18 ás 20 h.
  • A celebración do acto coincidirá coa estrea de ‘Nación’, o novo filme de Margarita Ledo.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela abrirá as súas portas este mércores 18 ás 20 h. para acoller a entrega do segundo dos Premios Cineuropa desta 34ª edición, outorgado á numeraria da Real Academia Galega, escritora, cineasta, catedrática de comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Santiago de Compostela, e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais Margarita Ledo Andión. O Festival outórgalle este premio pola “súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na Historia do noso país a través dun vivificante e poético universo cinematográfico”. Margarita Ledo, que inaugurou Cineuropa no ano 2007 con Liste, pronunciado Lister, presentará este ano a sua nova obra Nación, que vén de ser galardoado co premio especial á mellor dirección de filme español no Festival de Sevilla. Respecto a esta película de gran valor documental, toda unha alegación a favor da memoria das mulleres galegas que traballaron nas fábricas, o xurado salientou “a delicada aproximación a través da documentación e da reconstrución do imaxinario da contorna, do contexto e das súas vidas”, complementada por “outras testemuñas de mulleres máis novas que reelaboran esta memoria como discurso, de maneira artística e desde a contemporaneidade”.

Outros filmes

A programación do día estará complementada por outros filmes das seccións ‘Oficial Europea’, ‘Dereitos Humanos’, ‘Panorama Internacional’ e ‘Cinefilias: exploración do cinema clásico’. Entre todos eles podemos salientar o último pase da gañadora do Oso de ouro no Festival de Berlín, There is no evil, toda unha alegación en contra da pena de morte en Irán dividida asinada por Mohammad Rasoulof. Tamén terá lugar o último pase de Queridos Camaradas, filme co que Andrei Konchalovski obtivo o premio especial do xurado no Festival de Venecia; e a estrea de Gaza mon amour, a película pola que os xemelgos palestinos Arab e Tarzan Nasser foron distinguidos coa Espiga de prata na Seminci. A información completa sobre a programación está dispoñible na web cineuropa.gal.