Skip to main content
Este martes tamén será a última oportunidade de ver ‘Runner’, gañadora do Premio Especial do Xurado en San Sebastián.

 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022.- Fifi, gañadora do Premio á Mellor Película da sección Novos directores do Festival de San Sebastián, terá a súa estrea en Cineuropa este martes ás 19:15 h. no Teatro Principal. O filme de Jeanne Aslan e Paul Saintillan narra a historia dunha adolescente de 15 anos que fuxe durante unha tempada da súa caótica familia cando lle rouba as chaves da casa a unha antiga compañeira de clase de familia acomodada. Fifi instálase a fin de semana na fermosa casa da súa ex compañeira, pero Stéphane, irmán da moza, aparece de súpeto ao día seguinte. No canto de botar á estraña, Stéphane deixa que se quede, e este peculiar pacto xera o punto de inflexión do filme. Os días de verán transcorren sobre esta convivencia desta parella protagonista… e iso é todo, ou case. Fifi conta unha historia de adolescentes nos que a aprendizaxe non pasa polo primeiro amor nin pola sexualidade, senón por un encantador dolce far niente que lle outorga un forte magnetismo á película.

Por outra banda, Les enfants des autres (Os fillos dos outros), o filme de Rebecca Zlotowski que formou parte da Sección Oficial en Venecia e vén de recibir o premio á mellor montaxe no Festival de Sevilla, terá o seu primeiro pase ás 21:15 h no mesmo Teatro Principal. A directora conta a historia dunha muller angustiada polo desexo de ser nai dun xeito que lembra ao mellor cinema de Mia Hansen-Løve. Virginie Efira dá vida á protagonista que se ve a si mesma dentro e fóra á vez da relación que mantén cun home separado e cunha filla. A sutileza, precisión e claridade da nova película da directora de Grand Central sorprende coa mesma forza que entusiasma. O resultado é un filme equilibrado e limpo, sen aderezos innecesarios.

Este martes será a última oportunidade de ver o filme distinguido co Premio Especial do Xurado no Festival de San Sebastián. Trátase de Runner, a ópera prima de Marian Mathias, un filme que forma parte da competencia Novos/as Cineastas e que aquí poderemos gozar por última vez ás 22 h no Salón Teatro. Segundo o director deste festival, José Luis Losa, Runner “é obra de aparencia minimalista pero alcance cara a profundísimos horizontes. Fala de dous personaxes moi perdidos nesas paisaxes do baleiro dos vastos estados despoboados norteamericanos. O encontro desta filla dun exasperado estafador con outro mozo que ambiciona saír do cercado existencial da American Trash está filmado por Marian Mathias cun esmagador sentido da beleza que eleva esta estampa da terra baldía, de apenas 70 minutos, ao territorio dos verxeis do soñado”.

Non queremos deixar de recomendar a asistencia a un programa pedagóxico que combina cinema e música: Aturuxo Films: Imaxinando músicas celebrará a súa presentación ás 18 h. na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Trátase dunha mostra do proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica que se desenvolve desde hai 15 anos no IES de Cacheiras, e que ten como obxectivo principal a aprendizaxe da linguaxe cinematográfica para fomentar o pensamento crítico a través da creatividade e a sensibilización social e cidadá. En colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, xorde o proxecto Imaxinando Músicas como espazo de creación de cinema e música para o alumnado de ambos os centros. A sesión contará coa presenza de moitos dos novos e novas cineastas e coa participación dos seus coordinadores, Sergio Clavero e Xosé Antonio Rodríguez Álvarez, con quen estableceremos un coloquio sobre as calidades pedagóxicas do cinema.

Ao longo da xornada tamén poderemos gozar doutros filmes pertencentes ás diferentes seccións desta edición. Toda a información está dispoñible na web do festival cineuropa.gal.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA MARTES 15 DE NOVEMBRO

 

TEATRO PRINCIPAL

17.30 1976, de Manuela Martelli

19.15 FIFI, de Jeanne Aslan e Paul Saintillan

21.15 LES ENFANTS DES AUTRES / OS FILLOS DOS OUTROS, de Rebecca Zlotowski

SALÓN TEATRO

18.00 JESUS LOPEZ, de Maximiliano Schonfeld

19.45 SINGIN’ IN THE RAIN / CANTANDO BAIXO A CHOIVA, de Stanley Donen e Gene Kelly

22.00 RUNNER, de Marian Mathias

NUMAX

16.30 LA RED PONZAN, de Ismael Gutiérrez

18.30 ALL THAT JAZZ, de Bob Fosse

21.00 BEAUTIFUL BEINGS, de Guðmundur Arnar Guðmundsson

AUDITORIO DE GALICIA. SALA MOZART

18.00 PROGRAMA ESPECIAL | ATURUXO FILMS: IMAXINANDO MUSICAS + PRESENTACION E COLOQUIO no que participarán os coordinadores Sergio Clavero e Xosé Antonio Rodríguez Álvarez

20.15 SWING TIME / EN AS DA DANZA, de George Stevens